"Deitado frente ao mar", vídeo do IES As Barxas (Moaña)

Seguen a ofrecerse fantásticos recursos didácticos vinculados coa celebración do Ano do centenario de Celso Emilio Ferreiro. A través dun twitt da Coordinadora de ENDL, no que tamén se convida a que en todos os centros escolares, o día 12 de decembro ás 12 horas se recite algún poema de Celso Emilio Ferreiro e que entendo como unha magnífica iniciativa, chego a este vídeo que se preparou no IES As Barxas de Moaña.

   Realizouse no obradoiro de Animación Plástica do devandito centro de ensino por alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato, baixo a coordinación de Luz Beloso e Seso Durán. É de xustiza deixar constancia aquí o nome das voces que lle dan vida ao rexistro sonoro (Jennifer Cancelas, Iria Collazo, Katia Alonso, María Gómez, Lucía Parcero, Emma Sotelo, Ana Rodríguez, Andrea García, Ismael Otero, Álvaro Carballido, Alejandro Iglesias e mais Seso Durán) e mais á guitarra eléctrica, Luis Camilo Fernández. Todos os meus parabéns polo magnífico, orixinal  e novidoso traballo!