Calquera persoa que goce da amizade de Xesús Alonso Montero, aínda máis no caso de formar parte desa lexión que pasou polas súas clases e de converxer con el nalgúns intereses relativos á investigación ou á nosa literatura, será difícil que non conserve algunha nota manuscrita do profesor e ensaísta vigués.
Nestas datas nas que se achega o seu nomeamento como fillo adoptivo de Ribadavia no seo duns actos a desenvolver o vindeiro día 24 de novembro naquel Concello e que, ademais, cadran coa celebración do seu 84 aniversario, traio aquí unha desas probas de amizade que me brindou pois xa deixei testemuño escrito do agarimo que me suscitou como profesor e como amigo nunha publicación de autoría colectiva –Ex toto corde. No oitenta aniversario de don Xesús Alonso Montero– que editaron e coordinaron hai poucos anos X. Gregorio Ferreiro Fente e Xoán Carlos Domínguez Alberte. A proba á que me refería é o comezo duns apuntamentos manuscritos que pertencen ao limiar dunha colectánea de textos xornalísticos compilados de Manuel Lueiro Rey que, sen dúbida, han ver a luz axiña. Beizón para don Xesús polo xusto recoñecemento, e máis neste outono de viño novo e ribeirau, por suposto.