Vidreira dos libros (I): Valente vital, de Claudio R. Fer et alia e A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986), de Luís Gonçales Blasco "Foz"

Teño a fortuna de recibir moitos libros, por diversas vías, desde hai ben de anos. Este privilexio atesoura tamén algunha derivada certamente incómoda como é que un non pode, nin de lonxe, ler ou ocuparme co vagar que esixiría todo aquilo que me chega,  mesmo ás veces do que me pode interesar máis vivamente. Para subsanar,  no posible, esta eiva comezo hoxe unha nova sección neste blogue baixo o título de “vidreira dos libros” que pretenderá, sen periodicidade fixa, dar conta das novidades editoriais a xeito de escaparate, isto é, converter este espazo concreto no lugar no que se informe arredor do máis esencial dalgúns libros, sen que iso signifique que non poida ocuparme deles, máis demoradamente, no futuro.

    Comezo hoxe por dous volumes certamente relevantes, ao meu ver un tanto desapercibidos por diversas razóns. O primeiro é o titulado Valente vital (Galicia, Madrid, Oxford) publicado pola Universidade de Santiago e que vén da man dos estudosos Claudio Rodríguez Fer, Marta Agudo e mais Manuel Fernández Rodríguez. Nel ofrécese unha abordaxe moi interesante e suxestiva arredor da presenza de Valente neses tres territorios xeográficos polos que transitou avanzando con este criterio  polas consecuencias que as vivencias  nestes espazos proxectaron cara á obra literaria do ourensán. Primeiro e completísimo asedio  biográfico e hermenéutico, á espera  doutro posterior que chegará para abordar outros períodos deste magnífico poeta.

    O outro volume, do que aínda non rastrexei comentario crítico escrito ningún e que  parece inxustamente condenado a priori  xa non só ao silencio senón ao ostracismo máis absoluto, é A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986), de Luís Gonçales Blasco “Foz”. Un libro absolutamente monumental, resultado dun vagaroso e concienciudo traballo, que se asoma, como no seu título se sinala, ás claves da organización exterior da UPG servíndose para iso tanto de documentos, de carácter público e privado, como de numerosos testemuños de carácter persoal obtidos polo autor. Un libro, pois, de case mil páxinas, ineludible para o coñecemento “cabal da história do nacionalismo galego contemporâneo” como sinala o seu prologuista Carlos F. Velasco Souto. A urdime organizativa da UPG en países de Europa e América, a análise das relacións do partido con outras forzas políticas europeas ou do ámbito español e outros moitos temas, entre eles especialmente interesantes para min os que se refiren á actividade de Celso Emilio Ferreiro na organización, fan deste libro un ensaio de referencia, para ler devagar, para se informar con rigor. Parabéns ao seu autor e boa andaina para este libro.