L[eopolda] F[erreiro]

VV.AA.

LF.

Fundación Celso Emilio Ferreiro, Lugo, 38 páxinas, edición facsímile non venal.

 

Hai algúns anos que a Fundación Celso Emilio Ferreiro decidiu optar por outras estratexias de actuación que non resultasen vinculadas exclusivamente con propostas de carácter editorial, ámbito polo que transitou ao comezo das súas actividades.  Con todo, este ano do centenario do nacemento do autor que lle dá nome á institución, ofrece unha primorosa edición facsímile, non venal: un empurrón máis a esta bóla de neve que foi, e está a ser,  o devandito centenario.

     Editado con sinxeleza, a xeito de cartafol, cun sinxelo “LF.” cruzado na súa cuberta, a publicación deixa en mans de quen lle interese un documento que non dubido en valorar como conmovedor e que esixe unha necesaria contextualización.

      Ben coñecido é o feito da transformación do mosteiro de San Salvador de Celanova nun cárcere para presos políticos desde o ano 1936, converténdose así nun espazo máis que acolleu as funestas consecuencias da guerra civil en Galicia. Un capítulo menos divulgado deste feito histórico, mais perfectamente testemuñable aínda hoxe entre as persoas de certa idade de Celanova, xira arredor  dun xesto que evidenciaba, no fondo, o desacordo con aquela realidade que impuxo o novo tempo. Naquelas duras circunstancias  un grupo de mulleres emprestaron axuda e colaboración, ao longo de moitos anos, aos presos do mosteiro. Axuda material en tempos de miseria (papel, roupa, alimentos…), no que calquera aceno solidario era considerado un acto de amor; axuda probablemente anímica, tan precisa para resistir como o propio respirar.

       É neste contexto onde se perfila unha muller, Leopolda Ferreiro que pon por diante o valor da solidariedade e interpreta a axuda persoal aos presos como unha necesidade vital, algo que lle agradeceu sempre o seu irmán Celso Emilio, naqueles anos en Asturias e subordinado dun tenente a quen o une tanto a amizade como a literatura. Un tenente do exército franquista que, precisamente, ten un irmán republicano ingresado no mosteiro como preso político: José Benito G. Buylla. A este último, mais tamén aos outros compañeiros, Leopolda dispensará durante anos unha continua atención, sendo fácil de conxecturar que se consideraba un tanto molesta para as autoridades do momento. Este esforzo cotián verase recompensado cun documento que entendo como único ou, cando menos, ben raro: os presos agasallan a Leopolda cun volume de carácter artesanal, feito por eles mesmos,  con ilustracións de Juan Nin e textos manuscritos de Acacio Bericua. O libro é sinxelo como é natural comprender mais revela na primeira páxina o sentimento de gratitude cara a Lepolda Ferreiro cunha cita bíblica que cómpre entender á luz daquela situación. A continuación engádese un soneto de Juan Manuel Vega Pico e o cartafol conclúe con outro poema de José Benito G. Buylla…, polo medio as sinaturas de 554 presos políticos e que falan por si mesmas, Aí céntrase tamén a carga emotiva deste material: persoas privadas de liberdade por acreditar nun ideal, algúns deles sen identificar aínda como se recolle nun apéndice da publicación. Nesas sinaturas gravita tamén a carga emotiva. O limiar anónimo da edición afirma que o obxectivo dela foi “rescatar os nomes e apelidos non identificados” coa confianza de tiralos do limbo do esquezo. Este “fardel aventureiro”, que se descubriu hai pouco nos fondos da Fundación, ha contribuír a isto, pero é tamén un conmovedor testemuño dos exercicios da solidariedade e da gratitude, algo do que hoxe estamos tan precisados.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 17 de novembro de 2012, baixo o título de “O agasallo dos presos”.