Manuscritos: Manuel Lueiro Rey (I)

Este pasado mes de outubro, hai vinte e dous anos, falecía no Grove Manuel Lueiro Rey. Ocupeime da súa obra e da súa vida en repetidas ocasións, e penso seguilo facendo no futuro, mais nunca estivera presente neste blogue. Anímame a traelo aquí o meu amigo Luís Mera, membro da directiva do Club de Prensa de Ferrol e que está nesta foto, á esquerda, xunto con Lueiro, nunha instantánea do ano 1981 tomada ao longo dos actos da entrega do premio Blanco Amor en Mugardos, segundo el mesmo me sinala.

    É igualmente Luís quen me fai chegar algúns textos que considero de interese compartir e que abaixo reproduzo: unha carta persoal que acompañaba un artigo sobre Lorenzo Varela que finalmente sairía publicado nun libro de homenaxe a este último nos Cadernos do Ateneo ferrolán (nº 2, nadal, 1983) e mais unha dedicatoria manuscrita de Lueiro nese marabilloso libro que foi, e que aínda é, Un tempo de sol a sol.  Volverei con Lueiro por aquí, máis veces.