Chégame unha convocatoria, da man da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) que, pola súa orixinalidade e magnífica disposición para promocionar a figura de Celso Emilio Ferreiro nos centros galegos de ensino penso que merece a máxima das difusións. Velaquí o comunicado da iniciativa recitandoCelsoemiliO:
Ao cumprirse o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX, desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) desexamos renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia.
1. A quen se dirixe?
En primeiro lugar, a todos os centros educativos da comunidade educativa galega, en todos os niveis de ensino non universitario, desde Educación Infantil ata Bacharelato.
Tamén poden sumarse a esta iniciativa asociacións de nais e pais, clubs de lectura, bibliotecas escolares e municipais, asociacións veciñais… e calquera persoa ou entidade interesada en participar nun acto festivo en torno á figura de Celso Emilio Ferreiro.
2. En que consiste?
A actividade consta de dúas accións simultáneas e complementarias:
- Un acto colectivo de recitado público do poema Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962).
- Un envío masivo a través das redes sociais do lema recitandocelsoemilio, acompañado do texto do poema Deitado fronte ao mar.
3. Cal é o lema da convocatoria?
O lema común vai ser recitandocelsoemilio; durante o tempo de celebración da actividade de recitado este lema debe figurar en lugar ben visible encabezando o acto, mediante o soporte físico que se estime máis oportuno.
4. Cando se celebra?
Moi doado: o mércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas; a celebración do recitado deberá axustarse en todos os centros de ensino á data e hora oficial desta convocatoria, así como a difusión do lema central a través da rede.
5. Onde se celebra?
Dentro dos centros educativos, recoméndase a celebración conxunta de toda a comunidade escolar en espazos como salóns de actos, bibliotecas, patios de recreo, instalacións deportivas…
Se existise colaboración de entidades como concellos, asociacións culturais ou de veciños, recoméndase que o recitado colectivo se celebre en lugares públicos fóra do centro que poidan ter un valor simbólico para a comunidade.
6. Como se participa?
Todos os centros educativos ou entidades colaboradoras que desexen participar en recitandocelsoemilio deberán enviar un correo electrónico de confirmación á CGENDL, indicando nome do centro, persoa coordinadora da actividade e número previsto de participantes. O prazo límite de inscrición remata o luns 10 de decembro.
Unha vez celebrado o acto, deberá ser acreditado ante a CGENDL mediante rexistro fotográfico ou audiovisual do mesmo; as imaxes ou gravacións que dean conta do recitado serán enviadas á páxina web da CGENDL, especificando datos concretos do centro educativo e do número de persoas participantes no mesmo.
7. Cal é o seu obxectivo?
O obxectivo central é manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos; así mesmo, desexamos manifestar, dun modo lúdico e masivo, o noso compromiso cívico cara á lingua galega, porque si, porque nos peta.
8. Quen a coordina?
O equipo de normalización e dinamización lingüística de cada centro educativo; por defecto, calquera membro do equipo directivo ou do claustro dun centro que asuma o cumprimento correcto da actividade, baixo as condicións especificadas nos puntos anteriores.
9. Como se pode enriquecer esta actividade?
Aínda que o acto central de recitandocelsoemilio consiste na acción de recitado físico prevista para o día 12 do mes 12 do ano 2012, durante as semanas previas á actividade cada centro educativo ten a potestade de enriquecer e contextualizar o acto con aqueles recursos didácticos e lúdicos que estime máis oportunos. Suxerimos accións como:
- elaboracións de temas musicais a partir do texto do poema
- elaboración de murais, collages e pancartas xigantes
- gravación e difusión de vídeos inspirados na temática do poema
- utilización de espazos virtuais para difundir a obra de Celso Emilio Ferreiro
- e calquera outra acción de carácter creativo que contribúa a incrementar a participación en recitandocelsoemilio, ben no propio centro, ben no contorno escolar.
10. En definitiva…
Se tedes interese en vos sumar a esta iniciativa, promovida pola CGENDL, agradecemos que vos apuntedes o antes posible e que a difundades por todos os medios ao voso alcance, para que esta información chegue axiña a todos os claustros escolares, asociacións de nais e pais, bibliotecas e clubs de lectura de Galicia.