O rastro que deixamos, de A. Fernández Paz (presentación)

Onte acudín á presentación d´O rastro que deixamos, o último libro de Agustín Fernández Paz, na libraría viguesa Librouro. Como agardaba foi un acto cálido, informal, envolvente e agarimoso. Prestoume a dinámica que se lle imprimiu a xeito de diálogo fluído no que interviron o propio Agustín e mais Isabel Soto, a editora do volume. Manuel Bragado apuntou que neste volume se atopa o ADN de Agustín e, en efecto, é esta unha imaxe afortunada pois, ao que puiden oír e ler,  estas páxinas atesouran a memoria da súa infancia e mais boa parte dos fíos que teceu como escritor.

         O mellor que se pode dicir dunha presentación dun libro é que abre o apetito para iniciarse na súa lectura e onte, o obxectivo, cumpriuse con creces: parabéns  (foto Montse Paz).