Sobre as mulleres cadáver

 

No día de onte apareceu publicada esta carta miña no Diario de Pontevedra, xunto con outras de diversas persoas, por mor do Día contra a violencia de xénero. Reprodúzoa abaixo.

 

Prezada amiga:

         Non é doado realizar unha carta para ti, que sufriches ou sofres violencia; e talvez non o sexa porque no que sufriches ou sofres encárnase e adquire corpo, sen dúbida, unha das perversións máis esgazadoras e vergoñentas que a sociedade na que vivimos ignora ou fai por ignorar, e que só emerxe desa lameira na que pervive e persevera, en forma duns sons que non queremos oír, dunha abreviatura, dun breve nos xornais, dunha protesta solidaria na rúa.

         Quen escribe intenta exercer a docencia cunha mínima dignidade sen nunca esquecer  o traballo en contra da violencia machista que xamais entendín como un contido transversal, nin como marxinal nos currícula escolares, senón como nuclear e preciso para lograr facer unha sociedade chea de homes e mulleres libres, que fagan da crítica respectuosa e da reflexión un valor importante na súas vidas, que posibilite a súa formación como “persoas”. Intervir con convicción sobre os males que carrexa a violencia machista, na pre-adolescencia e na adolescencia, nesa fase clave na que se forma a identidade, momentos nos que tan importante resulta a información é preciso para ofrecer modelos alternativos, para crear un contradiscurso respecto do que sociedade en xeral ensina. E é de prever que isto podería evitar moito sufrimento, moito sufrimento coma o teu.

        Mais tamén quen escribe isto le, le bastante, se cadra mesmo menos do que querería…, tanto le que os camiños da vida levárono a escribir e interpretar sobre o que outras e outros escriben desde hai algúns anos. Seica pensarás, con razón,  que ten que ver isto coa miña situación, coa situación de moitas mulleres…?, teno, verás: a literatura, a poesía, o teatro, a narrativa, o ensaio…, talvez os xéneros máis populares, talvez mesmo aqueles libros que resultan, polas causas que foren, de consumo masivo crean imaxinarios no lectorado, crean patróns de comportamento como os crean os anuncios televisivos sexistas, como os crean tantas outras realidades deste tempo que se pasean impunemente por diante dos nosos ollos sen que nos cheguemos a cuestionar cal é o modelo que aí se encerra. Traio o asunto para o meu rego: penso ultimamente nas mulleres cadáver…, isto é, na pasmosa abundancia de mulleres que son cadáveres na literatura, sobre todo na literatura negra ou na literatura policíaca…, e non me asomo ás series televisivas pois iso xa daría para unha tese. Pregúntome as razóns e non atopo resposta ou a resposta que me suscita asústame e paréceme tan alarmante coma se se quixese que andásemos, sempre, no gume dunha navalla na que se alguén se corta, e case sempre é a muller, nada pasa. Pregúntome, talvez, se o éxito, por exemplo, da triloxía Millenium, de Stieg Larsson onde Lisbeth Salander cobra un papel protagónico, movida por un instinto de supervivencia e onde os máis dos papeis masculinos son extraordinariamente malvados, sería socioloxicamente tan aceptado no caso de quen o idease fose unha escritora. Eu teño a convicción de que non sería así.

      Quédannos moitos pasos por dar, algúns deles son, sen dúbida, romper estereotipos, resistirse diante dos modelos que tamén ofrece a literatura pois non todos son válidos, non todos deben ser aceptados porque si, sen cuestionalos. A literatura tamén forma, tamén educa, en valores e en liberdade. Eu penso nisto mentres escribo esta carta que quere ser solidaria, porque non quero máis, nin na ficción nin na realidade, mulleres cadáver.