María Rábade escribe poesía, segundo confesa, primeiro a man, xunto coas súas “reflexións persoais ou primeiros apuntamentos vinculados a ideas e a proxectos”. A autora de Non son de aquí cuestionada arredor dos seus hábitos de escrita afirma que sempre “tirou moito pracer do acto físico da escrita, do xeito no que as letras van atopando o seu espazo material na folla. Ese proceso primeiro é moi instintivo, e nel case non practico a corrección. Iso vén logo, cando paso os textos ao ordenador e os someto a un exercicio, por veces moi intenso, de reescritura. Pero para min non hai nada comparable a ese primeiro momento no que xorde a escrita, vinculada a espazos mentais e sensibles que descoñecemos até que cobran forma física sobre o papel”.
O manuscrito que abaixo se reproduce, por cortesía da autora, escribiuse ao longo dunha viaxe a Gales á que asistira “para participar no congreso trianual da Asociación Internacional de Estudos Galegos”. María, asemade, contextualiza a xestación deste texto afirmando que o seu regreso a Gales “prestoume moito: era un xeito de voltar ao meu propio país, pois -como o manuscrito recolle- creo que a relación entre Gales e Galicia ten máis fundamento político e sociolóxico que a invocada afinidade entre Galicia e Irlanda. A primeira noite do congreso, mentres ceaba coa boa amiga e colega María López Sández, achegóusenos unha velliña coa que estivemos falando máis de media hora. Coido que no caderno tentaba referir o impacto dese encontro improbable, como no fondo o son todos os encontros. Era unha muller moi amable e intelixente e nun intre da conversa falou da paixón dos galeses pola música. Quedei prendida a esa frase, como se a muller nos dese nela -no seu xeito de dicila- unha chave para entender o <<xenio do lugar>>. Estando en Cardiff, ao día seguinte, María soubo que a súa primeira novela A forma das nubes -da que casualmente me falara no avión- gañara un premio e ía ter forma de libro. E eu dei en matinar naquela velliña, de nome Loretta Gordon, que nos introducira na viaxe e que fora, en certo sentido, para María unha fada”. E velaquí a primeira páxina de “O caderno de Gales”. Beizón por poder compartilo.