Bicos de música, de Mamá Cabra

Mamá Cabra

Bicos de música (libro, cd, dvd)

Galaxia, Vigo, 2012, 28 páxinas, 22 €

 

Tras o éxito de ola, ola, la  e desoutra entrega titulada Xa me tardan estes Magos   Mamá Cabra, ese grupo musical centrado en ofrecer música para a xente máis nova e que vén desenvolvendo un exemplar labor para difundir e asentar a música na nosa lingua para esta franxa de idades e non só, ofrece, ao meu ver aínda superando propostas anteriores, un novo traballo baixo o título de Bicos de música, ilustrado por Kristina Sabaite.

     Cómpre saudar con satisfacción tanto esas dez cancións que se ofrecen, coas súas respectivas letras reproducidas no álbum ilustrado, coma o DVD que se engade nesta entrega no que participaron tanto a Televisión de Galicia como Pórtico Audiovisuales, onde se espellan os aconteceres do grupo ao longo dunha xornada enteira: un percorrido non exento de comicidade até que morre o día cando xa cómpre ir á procura dos  “bicos de música” para conciliar o sono. Será unha obriga, visto o visto, seguir o fío das actuacións en vivo do grupo de hoxe en diante.

       Recomendo, moi vivamente, este agasallo musical, visual e literario que é  Bicos de música, básico para este Nadal vindeiro.