Gárdolle moita estima a Lucía Novas, como poeta loxicamente, mais tamén como persoa pois cando sei dela lembro un período curto de docencia universitaria, moi grata, no que ela andaba polas Lagoas-Marcosende.
En canto aos seus hábitos de escrita non emprega cadernos de notas, antes ben afirma que os libros van “xestándose na miña cabeza, ata que chega un momento no que preciso botalos para fóra… En realidade son como unha intuición, unha estética que xorde a través da experiencia e da que non sei exactamente que vai saír ata que me poño a escribilo…”.
Lucía é das persoas que escribe todo a man, seguido, e mesmo os poemas do seu último libro, Neve “xurdiron dun xeito desordenado, como pequenas folerpas de neve, e tardei moito tempo en achar a orde… Logo retoco e retoco, fago e refago moitísimo os poemas, doulles moitas voltas, e precisan tempo de repouso… No caso deste último libro non lle daba atopado a chave final para buscar a súa orde e tardei varios anos en rematalo”. A última fase, que tamén contribúe a puír os textos, faina xa en ordenador. Con todo, Lucía cédenos un manuscrito, xustamente dese libro amentado, que desde aquí comparto non sen agradecerlle a súa xenerosidade.