Tiven ocasión, hai uns días, de visionar un adianto do documental 100% CEF que dirixiu Aser Álvarez durante algúns meses e se que estreará, cadrando coa iniciativa recitandoCelsoemiliO, o día 12 deste mesmo mes. A iniciativa, ademais de pórlle o ramo da mellor maneira a este ano Celso Emilio Ferreiro, coido que sorprenderá polo seu ritmo, pola axilidade narrativa e mesmo polas novidades -tamén biográficas- que incorpora. Desde aquí conto os días para velo integramente pois, desde a heterodoxia e a paixón, é un traballo que reconstrúe un CEF total. Abaixo reproduzo unhas notas que recibín sobre o mesmo. Beizón, Aser.
“Celso Emilio non cabe en ningún documental”, asegura o poeta venezolano Joaquín Marta no arranque deste traballo audiovisual, “unha aproximación contemporánea, non
académica, fresca, viva e sorprendente á polémica figura do poeta celanovés”, a través de testemuñas, intervencións artísticas, apropiacións musicais dos seus poemas e lecturas dos seus textos. (…) “É un documental biográfico pero non aspira a abarcar toda a súa vida e obra, senón que se trata dun exercicio interpretativo onde lle damos voz a xente moi diversa”, asegura o director, guionista e produtor executivo, Aser Álvarez. Este traballo audiovisual, que conta con Luís Tosar no papel de Celso Emilio, vai pechar os actos do Centenario de CEF, coa súa emisión na TVG o 12/12/12, coincidindo cunha acción simultánea de lectura de poemas nos centros de ensino de Galicia.
Esta montaxe é o resultado dun intenso traballo de investigación e achega á vida e obra do poeta de Celanova, que levou ao equipo dirixido por Álvarez a pescudar en arquivos de Asturias, Celanova, Madrid, Vigo, Pontevedra e Venezuela. Este “retrato poliédrico e ameno” de CEF faise a través da conversa cos seus fillos, Isabel e Luís, os seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, o seu amigo e paisano, o actual presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín; Xosé Neira Vilas, Suso de Toro ou Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira e Daniel Salgado, entre outros. Os poemas chegan pola voz de cantantes como Luís Emilio Batallán, Xiana Lastra e Mini e Mero, pero sobre todo co punk dos Labregos do Tempo dos Sputniks, e co rap máis contemporáneo de Ferriman, Nuno e Fred.
O documental tamén conta coas colaboracións de artistas como Baldo Ramos, que elabora un libro de artista que funciona como fío condutor do documental, Francisco Leiro, Manolo Paz ou Baldomero Moreiras, “que tamén nos axudan, dende diferentes disciplinas artísticas, a facer un pandeiro de Celso Emilio Ferreiro, cen anos despois do seu nacemento, convencidos de que o seu lume e o das súas ideas segue a alampear”, conclúe o director.