O curioso mundo das persoas normais
Galaxia, Vigo, 136 páxinas, 12 €
Os camiños da inspiración para quen crea, literariamente e noutros ámbitos, non diría eu que son inescrutables pero case. Xosé Monteagudo confesa nunhas liñas epilogais que a cerna da historia que se contén en O curioso mundo das persoas normais xorde dunha noticia xornalística publicada hai pouco máis de dous anos na que se daba conta, en esencia, do falecemento de Agapito Pazos no Hospital Provincial de Pontevedra, tras setenta e sete anos vivindo nestas dependencias, logo de serlles detectadas, cando foi abandonado con apenas dous anos nas portas do devandito hospital, discapacidades locomotrices e mentais. Ata aí a inspiración que perfila o protagonista deste libro constituíndo todo o resto ficción, mais un exercicio de ficción absolutamente verosímil, intenso e mesmo desacougante.
Verosímil porque a condución do fío argumental arrecende a verdade pois –e velaí un dos méritos da novela- a perspectiva narrativa adoptada vén sendo a do propio protagonista que vai redescubrindo e interpretando a realidade a través dun exercicio de memoria que, como selectiva e fragmentaria que é, reconstrúe con solvencia o mundo que está alén dos muros do seu cuarto hospitalario. Intenso porque non deixa de sorprender a visión, tan diáfana, tenra, conmovedora e sinxela, tantas veces esmagadora e rotunda, que o protagonista posúe de todas aquelas cousas que sospeita hai fóra do seu universo cotián. Desacougante porque xustamente, derivado dese método de análise tan simple, facilítase que agrome unha ollada crítica e paradoxal cara ás propias relacións sociais, cara aos costumes da sociedade ·”normal”que o rodea –por veces xestándose situacións hilarantes mais sempre vernizadas pola melancolía- que, por inveterados, aceptamos como inamovibles.
Pero hai máis cousas nesta novela e, ao meu ver, unha delas é a relevancia outorgada á palabra, isto é, á palabra que existe cun significado en tantas ocasións inintelixible para o protagonista, Tomás, cuxos mecanismos de funcionamento do seu cerebro non son iguais que os das máis das persoas, mais que designa realidades que el debe ir interpretando, cousas ás que cómpre poñerlle o nome e así descubrir o mundo: a desaparición dun médico roxo –“ao que lle deron matarile”-, ao “terror” asociado aos chíos dunha gaivota ou á dor e á enfermidade entre outras realidades.
Conflúen aquí outros asuntos que tamén se recrean e que non resultan en absoluto secundarios como a reflexión que latexa en todo o libro sobre o concepto de diferenza e arredor do propio proceso de aprendizaxe, que se sustenta nas escasas mostras de agarimo que recibiu: apenas algunhas palabras amables… A novela de Monteagudo fai pensar nas dimensións que encerra o desexo de ser “normal”, na vulnerabilidade, no imprevisible, na necesidade de alimentar a imaxinación, na transformación dos sentimentos e, sen dúbida, nas moitas “sombras de renuncia” que pode haber nunha vida.
Esta recensión publicouse baixo o título de “Cando o corrente é unha sorpresa” nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 1 de decembro de 2012.