Palabras de auga, de Marcos Calveiro

Marcos Calveiro

Palabras de auga (ilustracións de Ramón Trigo)

Xerais, Vigo, 2012, 160 páxinas, 11,50 €

 

Había xa algún tempo que quería escribir sobre este galardoado Palabras de auga, de Marcos Calveiro, co que conseguiu o premio Merlín de Literatura Infantil 2012 cunha proposta que, particularmente, non defraudou nin un chisco as expectativas que depositara nel.

       Palabras de auga,  deste xeito, articúlase como unha desas pezas insustituíbles para  a engrenaxe que vivifica a literatura infantil e xuvenil de noso, mais non só pois, persoalmente, pasei polas súas páxinas alleo a etiquetaxes, atento tan só ao que a ficción ofrecía, que é moito e bo.

       O libro de Marcos Calveiro hibridiza, con fortuna, elementos que teñen que ver coa narrativa propia de intervención social coa de aventuras iniciáticas e faino, moi conscientemente, situándonos nun espazo distante, mais ao tempo próximo, como é o dunha tribo africana sometida a numerosos avatares que todo o tempo apuntan cara ao concepto de sobrevivencia e ao da propia condición humana, mesmo ao rol desenvolto pola muller naquela sociedade, focalizado a través do personaxe de Amadou, quen posibilita coñecer as claves dun universo transmitido con transparencia e, asemade, exposto con toda a crueza que as extremas condicións de vida carrexan.

   A ollada de Amadou, ese adolescente sobre quen repousan moitas responsabilidades e que loxicamente evoluciona e madura a través do relato, transfórmase nesa luz que nos guía a través de conflitos persoais, familiares ou tribais nos que non é difícil advertir un tratamento alleo a didactismos ou compracencias pois, moi ao contrario, resulta a súa unha actitude que agroma dos ditados do corazón, revelando convicción e tamén principios solidarios, en tantas ocasións conmovedores como igualmente o é, tamén, ese final esperanzador no medio de tanta tebra.

      Ambientada acaidamente; técnica e estruturalmente construída con solvencia, exhibindo  pasaxes de inequívoca altura e brillantez, a novela esixe un esforzo lector que ao meu ver deita resultados espléndidos a través  dos recorrentes flashbacks que constrúen a historia, achegándonos tamén a unha realidade do noso tempo que, por veces, non queremos ver. Aínda que fose só por ese motivo merecen ser saudadas, estas Palabras de auga, con fervor; como tamén o merecen, sen dubidalo, as extraordinarias e efectivas ilustracións de Ramón Trigo.