Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez

Rosa Enríquez

Atlas de Chaguán

A Porta Verde do Sétimo Andar, Cadernos Q de Vian, nº 9, Vigo, 63 páxinas, 8 €

 

Chego a este Atlas de Chaguán cando aínda rememoro o Desobediencia da mesma autora, a valdeorresa Rosa Enríquez. Nesta ocasión Enríquez opta por deseñar unha radiografía singular cun obxectivo concreto como é a denuncia do patriarcado para o que se interna con convicción nun “espazo de ruínas” no que esculca  desde a interrogante formulada na vontade real ou sincera que paira en quen predica a liberación deste espazo.

    Tal e como é común na súa estética, Enríquez procura a mestizaxe sempre desde o galego, incorporando rexistros en francés, castelán, portugués ou inglés deseñando así un diálogo interxenérico -poemas, reportaxes xornalísticas, textos políticos…- e intercultural, asumindo diversas tradicións onde a propia linguaxe parece se dinamitar interiormente, por veces desde a ironía, en moitas ocasións desde as instancias da crítica, para ofrecer unha proposta que tamén se vincula cun espírito narrativo indubidable: velaí a presenza, por exemplo, de fíos argumentais representados no  Home das Neves ou en Baby, arrebatada por el  sen ver o que pode existir detrás do que semella non ver, mesmo no Home Tranquilo -antagónico ao primeiro, na quentura e nas actitudes comprensivas, por exemplo-, ou as chamadas Fillas do Aire…

       Nun verso deste libro recóllese a expresión “trallazo no hipotálamo”…, algo así se sente ao ler este Atlas de Chaguán, composto por asociacións secuenciais nada gratuítas que se converten nun berro desacougante, angustioso as máis das veces, onde circula o amor, mais tamén a destrución e un manifesto posicionamento contra a opresión derivada da transacción capitalista, a violencia, o consumo desmedido…, motivos denunciados con recorrencia pois estes supoñen o esfarelamento da ética, sen esquecer reclamar unha vontade activa para a reacción e a rebelión, ambas as dúas sempre posibles.

     A cartografía de Chaguán, ou de Naugahc, ese espazo de aparente calma, ese territorio de “gloria falsa”, convértese tamén nunha metáfora do noso tempo. Eu convido a descubrir máis aristas, que as hai, deste libro.