Kutthy Revathy: “As razóns para seguir a escribir" (en Qué leer, nº 182, Letras galegas)

A activista, cineasta e literata támil Kutty Revathy percorreu Galicia en novembro, convidada pola organización “Implicadas no desenvolvemento” para participar nas xornadas da chamada “Escola  Feminista“. A súa obra poética, en parte traducida ao idioma galego en libros de autoría feminina colectiva, verteuse a numerosos idiomas nórdicos e ao inglés. No Mar de Vigo encontrou o título do seu último libro: Penn Kadal, título ambivalente que en támil indica tanto “océano das mulleres” coma “mar en calma”.  Falamos con ela sobre estes asuntos grazas á intérprete e escritora María Reimóndez.

Kutty Revathi (Tiruchipalli, 1974), médica e cirurxiá “siddha”, a medicina tradicional támil, publicou ata agora un total de sete poemarios, entre os que destacan Poonaiyai polaalaiyum velicham (A luz axexa como un gato, 2000), Mulaigal (Tetas, 2002) e Thanimaiyin Aayiram Irakkaigal (Mil ás de soidade, 2003). A súa segunda obra resultou moi criticada e desvalorizada pola crítica literaria támil máis conservadora, que cuestionaba a moralidade da autora e a
súa estética subversiva, desprestixiando a súa capacidade creativa.

As súas intervencións en Galicia insisten en obxectivar a literatura e o cinema como fontes de reprodución e subversión das mulleres…
Parto de que a palabra feminismo é un termo universal, pero  prefiro utilizar a palabra feminismos en plural, aínda que o que se persegue é a  consecución dos dereitos das mulleres. Falo do feminismo na India, barallando diversas cuestións e, sobre todo, tendo en conta que a caste enfronta unhas mulleres con outras. Todas as mulleres sufrimos opresión pero esta experiméntase de forma diferente polo que é preciso desenvolver distintas ferramentas para  cada situación particular. Na India buscamos unha metodoloxía que nos permita chegar aí e teño a esperanza de que o conseguiremos.

Exerce tamén como documentalista cinematográfica. O seu último traballo xira sobre a contestación social para impedir a posta en marcha dunha central nuclear…
-Na actualidade todo o mundo fala de protexer a terra, existe esa preocupación pola ecoloxía e as mulleres. Neste sentido tiveron unha maior capacidade para entender os problemas ambientais e como se vincula isto coa defensa dos seus dereitos. Adóitase utilizar a palabra “eco-feminismo” para falar diso. Os  dereitos ambientais entendéronos mellor as mulleres, aínda que aglutinan homes e mulleres porque todo o mundo necesita vivir nunhas condicións saudables. Respecto ao conflito de Koodankulam é unha protesta que mulleres de estratos sociais moi baixos, analfabetas en moitos casos, levan mantendo máis de 500 días. Estas mulleres teñen un coñecemento detallado do que significa a planta nas súas vidas e foron capaces de aglutinar a todo o mundo e lograron superar a hexemonía de castes. Son elas as que, malia estaren sometidas a moita violencia e presión polo estado, resisten pacificamente e con moita paciencia.

A súa experiencia como médica, cre que se  revela na súa obra literaria?
Sen dúbida. Non estudei medicina occidental, si a chamada medicina “siddha”, na que todos os textos están en támil, polo que o coñecemento das partes do corpo está adquirido nestes textos antigos, ateigados de palabras en desuso que recuperei para a miña obra.


Nace de aí parte da súa estética literaria?
Como dixen son médica, e a min presentábaseme certa contradición entre como a medicina científica presenta o corpo e como o ve a sociedade, opresiva e moralista. A  partir desa confrontación quero desenvolver a miña propia linguaxe. Os homes adoitan conceptualizar o corpo das mulleres como algo sexualizado e iso é algo contra o que as mulleres teñen que loitar en todas as partes do mundo.
Nese sentido un poemario meu provocou moita polémica, que comezou pola palabra presente no título: Tetas. A maioría dos escritores xa me atacaron por isto. Na literatura clásica támil, do século I  a. C., xa había moitas poetas que usaban estes termos, pero os autores contemporáneos fixéronse donos deles con exclusividade e non admitían que unha muller o fixese coa mesma normalidade ca eles. Ese foi o comezo dun proceso moi duro e moi desagradable. Tamén a razón para seguir a escribir.

Esta entrevista, baixo o título de “Kutty Revathy: medicina, letras y feminismos” apareceu no número 182 da revista Qué leer, na sección “Letras galegas”. Ofrezo aquí a súa versión íntegra e en lingua galega.