O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz

O rastro que deixamos (edición de Isabel Soto)

Xerais, Vigo, 2012, 240 páxinas, 17,50 €

 

Agustín Fernández Paz recibe, nos últimos tempos, xustos recoñecementos da comunidade literaria, educativa e social de noso como o nomeamento Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo ou o Premio da Crítica por Fantasmas de luz na súa última convocatoria.    Particularmente entendo este libro como un complemento preciso ao resto da súa obra, se se quere un chanzo máis nesa escaleira pola que o vilalbés vai subindo e deixando un rastro de afectos e devocións persoais e literarias. Un volume que é un galano pois posibilita, como Manuel Bragado sinalou na presentación deste libro na cidade de Vigo, coñecermos o adn de Fernández Paz…, un adn íntimo, até o de agora privativo talvez do seu círculo máis persoal, pero tamén un adn literario pois son, xustamente, estes dous os vectores que o ordenan baixo a disposición, realizada con indubidable acerto, a cargo da profesora e investigadora Isabel Soto.

         O criterio que lle confire sentido ao libro é, sen dúbida, o compilatorio respecto de material que viu a luz en diferentes soportes e distintas épocas, incluíndo tamén algúns inéditos e, para ser franco, ambos os dous eixes nuclean salientables focos de interese, amalgamándose baixo unha innegable vontade literaria que se  plasma nunha prosa diáfana e transparente e que converte a lectura nun acto gozoso e sedutor, enchendo aos poucos un caudal construído por palabras que contaxia optimismo e esperanza, tanto pola propia vida como pola arte de escribir. O primeiro bloque, titulado “As paisaxes da memoria” e dotado dun ton máis claramente memorialístico, facilita o acceso ás evocacións dos anos da infancia e a mocidade: ese tempo no que se asiste “á creación do mundo” no cal foi “descubrindo os nomes das cousas”: un universo que, por veces, semella de ficción mais no que se xestan e asentan hábitos de lectura e tamén aqueles afectos, ou desafectos –ben escasos estes últimos- experimentados. A segunda parte abéirase, como se sinalou, ao ámbito do oficio de escribir e nel desvélanse moitas claves da súa obra, rastréxanse os primeiros pasos dados para a construción da literatura infantil e xuvenil en galego en tempos desalentadores e revela, en esencia, o posicionamento público do autor como escritor e mais tamén como cidadán, ámbitos nos que exhibe unha defensa teimuda desa máxima cifrada en como desde o local sempre se pode ser universal.

         Cando conclúo de redactar estas notas recibo do mesmo autor Zeralda e o dragón e sei que xa corrixe probas dunha nova entrega narrativa titulada Desde unha estrela distante. Estas novas, para quen apreciamos os seus libros, entre os que me atopo,  resultan sempre alentadoras e estimulantes. Con todo, polo de agora, quedo con este O rastro que deixamos porque é da xinea daqueles libros que son encrucilladas ao confluír nel, como unha epifanía, xentes, persoas, personaxes, sentimentos, reflexións, literatura, vida, memoria…, se ademais procede de mans sabias, xenerosas, con tanto por compartir,  e se dispoñen desde un título tan fermoso e evocador como o que presenta, cómpre dicir que tamén é unha regalía e unha fortuna escribir unhas liñas sobre el.

Esta recensión, baixo o título de “Retallos de memoria e vida”, publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 8 de decembro de 2012.