Manuscritos: Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré é, basicamente, coñecido como crítico literario, ámbito no que vén desenvolvendo un labor fundamental e extraordinariamente dilatado no tempo,  e tamén por conducir ese blog popular chamado ferradura en tránsito. Con todo, a súa produción narrativa e ensaística non resulta, ao meu ver, nin menor nin secundaria. Polo seu labor creativo, sexa este do ámbito que for, chega agora a esta sección con senllos manuscritos (premendo neles pódense visualizar máis claramente).

     Rescata, así pois,  para esta bitácora  un texto inspirado na figura de Fermín Bouza Brey que está a medio camiño entre varias cousas malia que, no fondo, máis se asemelle a unha composición poética que reivindica tanto a faceta literaria do poeta, facendo uso de  títulos e fragmentos seus, harmonizándoo con termos doutros autores, como a humana; unha poesía “collage”, en palabras de Eyré: “curiosa porque me sae de dentro aínda que eu, como autor, poño ben pouca cousa poño. Quérolle moito a este tipo de escrita, apaixóname porque me expresa, malia o dito, moi ben”.

    O  segundo manuscrito nace nas I Xornadas de Lingua e Literatura e vén ser, igualmente, un poema que considera “a medio camiño entre o dadaísmo e caligrama cubista-creacionista”, versos que agromaron “do que ía escoitando, de xeito que tomaba apuntamentos e ía subliñando algunhas palabras, palabras que despois habían dar ese poema existencialista”. Beizóns para Xosé M. Eyré pola súa cortesía e polo seu constante e referencial traballo.