Todo OK
Xerais, Vigo, 136 páxinas. 16,65 €
Diego Ameixeiras, se cadra non é preciso subliñalo pero compráceme afirmalo, é un dos narradores galegos que con máis oficio e maior seriedade leva tempo internándose na novela de filiación policial, detectivesca ou negra. Ao fío desta última etiqueta, Todo Ok confirma as extraordinarias posibilidades que ofrece a recreación ficcional dunha parte dese todo que constitúe o noso tempo e mais o retrato da sociedade en que vivimos.
Todo Ok inspírase, ao que parece, nunha noticia xerada do apreixamento dun somerxible destinado a introducir cocaína co pano de fondo dunha conexión entre narcotraficantes galegos e colombianos. De feito, o fío argumental protagonízao Inés Landeira, unha muller que se viu involucrada nese delito e que ve ameazado o seu futuro polas posibles consecuencias da colaboración prestada naquel suceso para o que procura, sexa como for e petando nas portas que fosen, a benevolencia dun fiscal. Se ben é esa personaxe a que atesoura un papel crucial na novela pois simboliza os desexos de fuxir de todo ese mundo para se encamiñar cara a unha existencia máis sosegada, o certo é que boa parte do interese, ao meu ver, da proposta repousa na plasticidade coa que o autor deseña, nuns breves pero rotundos trazos, tanto as características físicas e psicolóxicas dos personaxes, en xeral perdedores, como os espazos escuros e en parte tenebrosos e periféricos…, en que estes alentan, case sempre beireando o inframundo vinculado coa criminalidade e explicitado en diversas fórmulas de violencia: as humillacións, o exercicio despótico do poder, a explotación sexual, a prostitución, a chantaxe, o tráfico ilícito da droga e a corrupción que magmatiza especialmente aos representantes do poder policial que dominan e asedian con prepotencia e sen escrúpulos outro conxunto de personaxes perfilados singularmente na súa propia idiosincrasia: o narco Jairo Mendoza e a súa compañeira María; o confidente e distribuidor a pequena escala Maseda: un curioso voyeur de insectos que alenta nunha vida mediocre en virtude das traizóns cometidas…
Mais non é todo. A novela revela unha concepción dominante que a transforma nunha atalaia desde a que non é difícil albiscar as fendas dun sistema xudicial e policial que en tantas ocasións se serve de procedementos ilícitos; por outro lado goza doutros méritos como é o ritmo narrativo áxil que exhibe e ao que contribúe unha estrutura fragmentaria, a xeito de círculos concéntricos que se expanden tensionando o argumento; alén desa ollada de filiación cinematográfica que, no tempo dun varrido rápido, deseña contextos e situacións onde o substancial descansa no diálogo que case sempre se harmoniza con descricións nas que non sobra nin falta termo ningún e que non dubido considerar de grande altura expresiva como, por poñer un par de exemplos, as que se centran na descrición dun enterro ou dos espazos hospitalarios.
Ameixeiras, se cadra, vai máis alá dunha novela negra: ofrece un retrato da propia condición humana, das fendas que esta amosa e das presións que a vida orixina. Mesmo semella optar conscientemente por transmitir un discurso que evidencia a miseria moral e a derrota cotiá e desesperanzada que por todos os lados axexa…, todo retratado sen compracencias nin enganos e con moitas virtudes literarias.
Esta recensión publicouse, baixo o título de “Derrotas sen compracencias”, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 30 de decembro de 2012.