Manuscritos: Celso Emilio Ferreiro (unha carta e un poema surrealista, II)

En agosto deste ano, cun texto de Celso Emilio Ferreiro, botaba a andar a sección <<manuscritos>> deste blogue: unha sección á que particularmente lle teño moita lei e pola que pasaron un bo número de escritoras e escritores de noso, e máis que han pasar mercé, basicamente, á desinteresada e xenerosa colaboración de quen o fai posible enviando quer os seus propios textos quer outros que posúen por diversas razóns.

     Quero, pois, rematar o ano con outra entrega, como talvez non podía ser doutro xeito, de Celso Emilio Ferreiro, para celebrar tamén que conclúe esperanzadamente o que foi o “ano do centenario” coa perspectiva de múltiples proxectos para que a súa presenza siga a ser unha constante no futuro, isto é, para que ese lume que alampea siga ben vivo. Nesta ocasión fica aquí unha carta, unha das derradeiras asinadas por CEF, que lle envía ao director da revista surrealista donostiarra Cloc , datada en xullo de 1979 co seu sempiterno e singular sentido do humor; reproduzo tamén o poema que acompañou á anterior, feito ad hoc para esta publicación, de evidente inspiración  surrealista, coa tradución ao castelán feita polo propio autor.

      Por último, quero deixar constancia aquí da miña gratitude para quen vos pasades por esta bitácora cos meus desexos de que teñades un bo e mellorado 2013.