Coñecín persoalmente a Uxío Novoneyra Rey, fillo do poeta courelao e un dos responsables da Fundación Uxío Novoneyra hai escasos días, a través dunha amiga común e como resultado destas reviravoltas que dá a vida. As redes sociais, que tamén teñen estas cousas positivas, permitíranme hai algún tempo entrar en contacto con el para lle solicitar algún manuscrito para esta sección por ser o seu pai un dos poetas que, con máis méritos, merecía estar nela. Sen coñecerme, a súa resposta foi, alén de xenerosa, extraordinaria e particularmente fascinante pois Novoneyra sempre se mantivo nese espazo poboado polo talento literario, a singularidade e a actitude ética insubornable.
Nun ano no que haberá que estar atentos a Roberto Vidal Bolaño e mais a Rosalía de Castro comezalo cunha mostra da escrita de Uxío Novoneyra -virán este 2013 máis, se nada pasa- conmóveme pois ao fío da evocación dun recital que protagonizou o poeta e da que xa falei nun artigo, atopo agora aquelas palabras limiares que leu o autor d´Os eidos aquel preciso día: palabras de inequívoca actualidade e validez imperecedoira, e que comparto xunto cun manuscrito mecanografado dun dos poemas máis extraordinarios que, ao meu xuízo, viron a luz no século XX entre nós, isto é, “A letanía de Galicia”, a carón da composición “É a peste da Historia”, datado en 1973. Beizón pola xenerosidade aos dous Uxíos: ao pai lembrado cunha admiración que non mingua desde o tempo transcorrido e ao fillo por ser fiel e leal testamentario da súa memoria; aos dous por permitirme volver por un anaco vinte anos atrás e, sobre todo, por partillar estes tesouros.