Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, por Camilo Franco

Camilo Franco

Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño

Biblos, Cesuras, 2012, 144 páxinas, 16 €

Comeza o 2013 e case resulta de regra reparar na primeira das publicacións que xa se adianta á probable enxurrada de propostas ensaísticas ou divulgativas  protagonizadas por quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas deste ano, isto é, o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.

       A publicación vén da man de Biblos e de Camilo Franco: unha das persoas que, ao tempo, con máis garantías e pertinencia poderá iluminar tanto os aspectos biográficos coma os estritamente literarios de Vidal Bolaño, beneficiándose sen dúbida do trato directo que mantivo co dramaturgo e do propio traballo de esculca e interpretación da súa obra dramática, eido no que xa atesoura xa unha apreciable bagaxe.

      O presente Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, así pois, disecciona, informa e aproxímase con espírito crítico, divulgativo e en absoluto críptico, a un conxunto de obras dramáticas de Vidal Bolaño -desde Bailadela da morte ditosa até Animaliños– conxugando a visión analítica coa adopción dun ton que converte o exercicio da lectura nunha fonte de información mais tamén de reflexión arredor de factores que acompañaron as respectivas postas en escena, as influencias, a ideoloxía que repousa en cada unha das obras ou  significado das pezas, tanto no percorrido autorial de Vidal Bolaño como na proxección que con estas vai gañando no teatro galego contemporáneo, sen esquecer ir distribuíndo, aquí e acolá, diversos pinceladas  de carácter biográfico.

       O limiar que preludia esta achega, desde agora xa impresicindible para asomarse con rigor ao que supuxo a intervención dramática de Vidal Bolaño, titulada “Os anos revoltos” paréceme de lectura obrigatoria pois permite internarse, para quen sexa leigo na materia e para quen non, neste universo “Vidal Bolaño” que, por riba, como o propio Camilo Franco apuntou con acerto hai escasas datas, suxire “un retrato de país”, contido nestes preto de trinta anos de espectáculos rexidos por dous vectores que el mesmo esencializa na “desesperanza por todas as cousas que puideron ser e non foron”, por unha banda, e “o humor negro provocado por unha sociedade que non quere coñecer algúns dos seus absurdos”, pola outra.

     Parabéns ao autor por esta achega, parabéns á editorial Biblos que a fai posible para manexarnos con solvencia no mundo literario deste dramaturgo ao que, non teño dúbidas, se volverá nesta bitácora.