Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico, de Manuel Veiga

Manuel Veiga

Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico

Xerais, Vigo, 2012, 72 páxinas, 7,50 €

 

Na obra narrativa de Manuel Veiga, na que atopei sempre, en liñas xerais, moitos  valores a salientar, botaba en falta  unha pegada ou recreación literaria dese peculiar sentido do humor que o caracteriza e do que sempre fai gala, a medio camiño entre a ironía e o aguillón crítico, malia que ben pensado tampouco tería porqué.

    Afirmo o anterior porque este Do G ao Z tiña que vir de alguén como Manuel Veiga e, francamente, alégrome que así sexa, entre outras razóns porque ben precisados estamos de deixarnos levar por certas pingas de humor, aínda que en tantas ocasións este sexa negro ou acedo pois á fin e ao cabo tamén é humor, neste caso adobiado con esas resonancias “indignadas” -Veiga alude á “resignación” tamén-  que trae ao presente, como non podía ser doutro xeito, esta realidade que ao noventa e cinco por cento da poboación  afecta.

     A fórmula pola que opta Veiga é, ao meu ver, intelixente e acaída: se xa Lamas adoptara a estrutura do catecismo do padre Astete para o seu exitoso Catecismo do labrego, Veiga fai o mesmo co esquema estrutural dun dicionario onde ordena, neste caso do “G” ao “Z”, un corpus de voces nas que fai gala daqueles trazos que arriba apuntei: enxeño, ironía, retranca se se quer, humor negro ou acedo, parodia e sarcasmo…, espallándoo en mil e un ámbitos do cotián que van  desde a política ata a cultura, desde a historia á propia toponimia ou antroponimia e onde non faltan xogos de palabras, aforismos  ou verdadeiros microrrelatos.  En xeral entradas pouco convencionais que converten esta entrega en algo orixinal que proxecta unha vontade crítica, lúdica  e transgresora que convido a coñecer.