Manuscrito: Elena Gallego

É un pracer traer a esta sección a Elena Gallego, como é ben sabido responsable da primeira triloxía fantástica en lingua galega publicada baixo o título de Dragal, unha proposta que gozou e goza de enorme aceptación entre o público lector e tamén na crítica.

      Por cortesía da autora velaquí  unhas páxinas do caderno de notas de Dragal III, nas cales Gallego foi realizando apuntamentos de distintos capítulos e dúbidas que solventou para pechar a triloxía.

        A autora non segue un esquema determinado a hora de se poñer a escribir e realiza os seus apuntamentos en todo tipo de soportes que estean a man nese momento. Logo, diante do ordenador constrúe distintas versións dos capítulos ao tempo que incorpora as correccións, aínda que todo iso o destrúe agás unha copia do primeiro orixinal que entrega a editora.

        No que atinxe á dinámica da escrita todo depende da inspiración e mais tamén do tempo que se dispoña: “hai días que podo escribir cinco ou seis páxinas, mentres que hai semanas nas que non teño tempo nin de pensar na historia”; neste último caso “cando volvo a novela, teño que reler todo desde o principio antes de seguir, aínda que facer ‘capítulos independentes’ é algo que me facilita variar a súa orde ou incorporar capítulos intermedios, se fose preciso”.
Ao que sei Elena Gallego ultima xa unha nova historia, sospeito que ben suxestiva e intensa. Oxalá corra a mesma sorte que esta afortunada triloxía.