Manuscrito: Concha Blanco

Pasou por este blogue non hai moito a escritora Concha Blanco co seu libro Luces, bicos e cores. Hoxe volve visitar esta bitácora ofrecéndonos un manuscrito que ten a súa xénese no relatorio que dispuxo para a Feira do Libro de Boloña, en marzo de 2011 e por cuxa cesión lle expreso a miña gratitude.

          Concha Blanco escribe primeiro a man, ás  máis das veces a lapis. A continuación vén o proceso de pasalo  a ordenador: “que fago eu se son relatorios, poemas, artigos… (cousa de pouca extensión), pero de seren textos máis longos (novelas …) pido axuda ás fillas, que son moi rápidas escribindo e/ou a Manolo, o meu home”, asumindo que “non é doado ‘pasar a limpo’  as miñas cousas polos engadidos que fago con chamadas que levan, a quen faga ese traballo, a andar adiante e atrás interrompendo o ritmo”.

      No que se refire aos soportes emprega cadernos ou folios soltos, precisando que estean sempre preto, e decote vai acompañada “de  libretiñas pequenas e bolígrafos  para tomar notas de ideas e suxestións que van aparecendo ben plásticas, ben imaxinativas”.