Oroonoko, de Aphra Behn

Aphra Behn

Oroonoko (tradución Mª Fe González Fernández)

Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2012, 104 páxinas, 12 €

 

Distribúe estes días Hugin e Munin dúas suxestivas pezas máis que enriquecen o seu catálogo como son  Un home do pobo, do narrador nixeriano Chinua Achebe, mercé á tradución de Begoña R. Outeiro  e mais  Elias Portolu, da premio Nobel sarda Grazia Deledda, en tradución de Isabel Soto.  Con todo, quérome referir brevemente aquí a Oroonoko, de Aphra, que o selo compostelán puxo en circulación hai xa un par de meses.

    Oroonoko é unha peza que recomendo vivamente, por moi diversas razóns. A acaída tradución en galego que se ofrece nesta edición, un libro editado orixinalmente en 1688, súmaselle a vontade de rescate dunha voz ocultada tantas veces no seo dunha sociedade patriarcal que negaba o pan e o sal á presenza dunha muller que escribise, e aínda máis cando esta era quen de ofrecer un texto anti-convencional,  dono dun milimetrado e áxil ritmo narrativo e posuidor, desde a perspectiva de hoxe, dun valor testemuñal e pioneiro ao desenvolver un argumento, en pleno contexto colonialista, centrado nunha relación amorosa de carácter tráxico protagonizada por escravos africanos. Demasiada subversión, talvez, para unha autora de quen se di que  foi a primeira narradora profesional en lingua inglesa e que, ademais, segue a ser obxecto de estudo polo que simboliza para a literatura de xénero e non só.

         A novela, loxicamente, non queda tan só nesa historia que relata e a súa lectura revela abondosos elementos de carácter suxestivo para o debate e a reflexión como resultan, asemade, a obxectividade coa que se relata o tempo no que acontece a historia, a práctica do poder omnímodo  e a brutal contraposición entre diversas culturas, alén de certa visión crítica que amosa coa realidade escravista do momento, ou dito noutras palabras, como exhibe o desexo dunha vontade igualitaria para o ser humano, sen esquecer o devezo pola liberdade que simbolizan algúns personaxes.

   Ao meu ver, por todas estas razóns,  a edición galega de Oroonoko resulta un acerto que admite pouca discusión. Moitos parabéns pola iniciativa.