Recibo, a través dun correo electrónico, unha Carta de Reis que inclúe tres desexos e que subscribe María Reimóndez, presidenta de Implicadas no Desenvolvemento. Difúndoo gustosa e solidariamente nun día como o de hoxe.
<<O primeiro é pedirvos que, se aínda non o sodes, vos fagades socias e socios de IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO. Só tedes que cubrir este formulario: http://www.implicadas.com/?sec=9&lang=gl ou, se vives no estranxeiro, contribuír a túa cota por paypal. Calquera cota, por pequena que sexa, coa periodicidade que sexa, é moi importante. IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO culmina en 2013 quince intensos anos de traballo e comeza este que debería ser un ano de celebración co anuncio da Xunta de Galicia de suprimir todas as convocatorias de cooperación ao desenvolvemento, o enfeblecemento do Fondo Galego de Cooperación e en xeral o abandono por parte dos poderes públicos dunhas responsabilidades que temos de forma moi clara cara á cidadanía do Sur. Se a nosa crise nos parece terrible, vivir con menos dun dólar ao día en situacións onde claramente as nosas empresas e gobernos teñen moito que dicir é algo sobre o que deberiamos actuar sen faltar un minuto. Afogar o traballo das organizacións críticas como IMPLICADAS NO DESENVOLVEMENTO afoga tamén a única vía de que poidamos solucionar esta crise e a verdadeira crise da pobreza no Sur dende a súa raíz e dende un punto de vista de xénero, opoñéndonos con unidade dende todos os confíns a unha lóxica de explotación e de beneficio por riba das persoas.
O meu segundo desexo é que nos axudedes un ano máis no festival IMPLÍCATE, Noite de música e palabra solidaria. Agardamos vervos no Teatro Principal o día 13 de xaneiro para unha noite onde a cultura en galego e o traballo crítico de IMPLICADAS se dan a man. A todas as persoas que non poidades estar, pídovos que nos axudedes ben na campaña decrowdfunding, a través da cal podedes axudar cunha doazón a sufragar os custes do festival, ou coa Fila 0, que implica mercar unha entrada simbólica e contribuír así a financiar os nosos proxectos en Támil Nadu (India) http://www.implicadas.com/?sec=7&id_evento=53&lang=gl
O meu terceiro e último desexo é que difundades este correo ou calquera outra mensaxe que nos axude a chegar á cidadanía, que cada día pretenden manter máis lonxe do noso traballo. Difundir as nosas accións, acompañarnos ao longo deste ano, é o único que pode darnos azos para poder celebrar o día en que IMPLICADAS non exista non por afogos planificados senón porque os seus obxectivos estean cumpridos. Como quen pide, por suposto, debe tamén dar, eu comprométome a seguir contribuíndo os meus cartos, tempo, traballo, ideas, esforzos e enerxías cada día para chegar a ese obxectivo>>.