"O conformismo é incompatible co oficio de editor", entrevista con Manuel Bragado

No día de onte o suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, no que me honro en colaborar desde hai bastantes anos, publicou un número especial baixo o título de “500 Culturas para unha década” que fai balance de diversas manifestacións artísticas ou culturais en Galicia, nos ámbitos do cine, da música folk, do teatro, da banda deseñada, da arte e dos libros entre outras. Nesta última sección solicitóuseme un artigo valorativo, que incorporarei noutro apuntamento posterior, e mais unha entrevista con alguén que fixese reconto destes dez últimos anos no eido do mundo da edición do libro galego. Quen mellor, xa que logo,   para iluminar estes aspectos  que Manuel Bragado, con quen mantiven este diálogo (ao que engado unha pregunta e mais unha resposta que quedaran fóra por cuestións de espazo) e a quen lle agradezo a súa colaboración.

-Que mudou cuantitativamente na edición do libro galego nestes dez últimos anos?

-Na última década o sector editorial galego gañou dimensión. Hoxe son 48 as empresas que forman a AGE, que publican máis de dous mil títulos e fabrican tres millóns de exemplares cada ano. Hai un catálogo vivo de 14.000 títulos, que abranguen todos os tipos e xéneros de edición. A facturación baixou o ano pasado a 27 millóns, un severo retroceso que provocou neste período a perda dunha cuarta parte dos empregos directos. Ademais, nesta década internacionalizouse o sector coa saída ao mercado exterior das editoras especializadas en álbum. Malia isto, o sector galego aborda o proceso de tránsito do conxunto do sector internacional dende unha posición de gran fraxilidade empresarial, á que non é allea nin a falta de políticas públicas de lectura nin o retroceso das políticas de fomento da lingua no sistema educativo e no conxunto da sociedade.

– E cualitativamente?

-A gran conquista na última década foi a súa presenza nos soportes dixitais. Dende 2005 nos primeiros blogs en galego, o chamado blogomillo; máis recentemente nas redes sociais, onde hoxe se visibilizan e comparten as novas lecturas. Outrosí sucedeu coa promoción da lectura en galego por parte da rede de bibliotecas escolares, imprescindible para a formación dun criterio literario na cidadanía. As experiencias recentes de dixitalización de todo tipo de contidos textuais e hipertextuais, aventuran que, a pesar das
dificultades e á ausencia de apoios públicos, a edición en galego se está incorporando ao paradigma da comunicación cultural dixital.

-Na actual conxuntura que expectativas vislumbra para o futuro?

-Entre a brétema, inmersos no neboeiro actual da crise, enxérgase con dificultades o horizonte. Non temos moitas certezas. Precisamos varias cousas: recuperar a folla de ruta que supuxo en 2006 a Lei do Libro e a Lectura e recuperar o carácter estratéxico do sector do libro e un Plan de Lectura transversal, que facilite a incorporación da lectura na axenda pública, tanto de todas as administracións coma dos medios de comunicación. Precisamos
un novo pulo para as políticas de normalización lingüística, recuperando o consenso arredor do seu estatus no sistema educativo e en todos os ámbitos sociais. Tamén proxectar no exterior os nosos libros e autores e consolidar modelos de distribución dixital sostible. Precisamos reforzar o tecido de librarías de proximidade, celme do sector, e visibilizar e prestixiar aos creadores… Este é un momento decisivo. O conformismo é incompatible co oficio de editor.

-A batalla do libro dixital: unha clave para o futuro inmediato?

-Os editores galegos enfrontámonos a idénticas incertezas do resto de editores europeos, xa que carecemos dun modelo propio de distribución do contido dixital, tanto textual coma hipertextual. Hoxe na edición literaria este proceso está controlado por tres distribuidores estadounidenses que impoñen o seu modelo de negocio e mesmo de edición dixital. Sen resolver este nó da distribución non hai posibilidade dunha edición dixital sostible. No caso da edición dixital educativa, o subsector trabe da edición en galego, o modelo de distribución depende do modelo de dixitalización escollido pola Consellaría de Cultura e Educación e pola AMTEGA. Dende a AGE promovemos E-librogalego, unha plataforma concibida para distribuír e visibilizar o contido dixital en  galego. Neste proceso de dixitalización os acordos sectoriais coas administracións, a innovación e a formación dos profesionais son claves de éxito. Non obstante, como no resto dos eidos, as políticas públicas de alfabetización informacional son imprescindibles para superar a nosa fenda dixital.