Manuscrito: Marcos Calveiro

Pasou por aquí non hai moitas datas  Marcos Calveiro ao fío da publicación do seu recomendable Palabras de auga. Hoxe retorna para nos amosar algúns manuscritos da súa autoría que se vinculan, ademais, con Festina lente (2008) unha novela pola que non pasa o tempo e que talvez marcou un punto de inflexión na súa traxectoria narrativa, cando menos pública, malia que a novela estivera na imaxinación do autor, e mesmo xa redactada, antes doutras pezas que xa viron a luz anteriormente a esta, e da que conserva un bo número de estampas da Compostela na que sitúa a obra que non se incluíron, finalmente, no orixinal que se publicou.

     Festina lente, segundo revela Calveiro, xestouse durante un período de catro ou cinco anos, simultaneándose coa escrita doutros libros: “foi a miña balea branca e a única na que aínda escribín algúns capítulos a man, o resto xa foi todo a ordenador. Aínda non aprendera algúns  dos trucos do oficio que hoxe coñezo grazas a editores e correctores”, engade. Coa particularidade de que a súa dinámica creativa parte sempre dun final, confesa que o seu é “un caos creativo” e que avanza “sen un guión predeterminado, é toda unha aventura onde os personaxes e a trama xorden a medida que escribo”.

          Velaquí tres mostras do traballo que destinou a esta novela, coa miña gratitude ao autor pola súa colaboración.