Centenario de Francisco Fernández del Riego

Unha das efemérides que este 2013 nos trae é a do centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego e as actividades para manter a memoria viva do polígrafo xa botaron a andar: vén de se poñer en marcha un blog que persegue recoller calquera nova que a conmemoración vaia xerando, alén de colaboracións e textos de ou sobre don Paco. Ao tempo, mañá presentarase na Casa Galega da Cultura de Vigo, ás sete da tarde, o título Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia, coordinado por María Dolores Cabrera e mais  María Dolores Villanueva,  co que se inaugurarán as actividades que a  Fundación Penzol levará a cabo no centenario do nacemento de Del Riego.

      Deséxolle, a ambas as dúas iniciativas e as que veñan a continuación, a maior das sortes posibles. Creo que a figura do homenaxeado merece, pouco máis de dous despois do seu falecemento, o máximo recoñecemento. Particularmente sempre lle gardei moita lei a Don Paco e sígolla gardando (abaixo unha das fotos que conservo con el, que ten á súa dereita a Carlos Casares e Marcos Valcárcel, e á esquerda a Ramón Luís Acuña, Conchi Diéguez, Xoán C. Domínguez Alberte, quen isto escribe e mais Carlos L. Bernárdez, en Trives a finais dos anos noventa).