Xosé Ballesteros: “Entre todos construímos a memoria do futuro” (en Qué leer, nº 183, Letras galegas)

Xosé Ballesteros, ademais de escritor, é director de Kalandraka: un selo editorial que, desde Galicia, se converteu nun referente da dignificación do libro infantil e xuvenil no panorama estatal, publicando na actualidade en numerosas linguas e potenciando a súa presenza en numerosos países europeos e americanos. O recoñecemento máis recente que obtivo foi o Premio Nacional ao mellor labor editorial cultural que lle outorgou o Ministerio de Cultura. Falamos sobre este galardón, sen esquecer as estratexias que manexan para proxección exterior da editorial, do premio Compostela de álbums ilustrados ou da situación editorial na conxuntura actual.

– Que supón este galardón para Kalandraka?
-Unha enorme satisfacción, porque recoñece o traballo colectivo do equipo que conforma o proxecto Kalandraka. E tamén porque pon en valor e fai visible o sector da Literatura Infantil e Xuvenil, polo xeral relegado a un segundo plano nos medios.


– A editorial que dirixe é xa un referente internacional no ámbito da edición. Que os animou a emprender esa proxección exterior?
-Dende os inicios de Kalandraka consideramos importante estar presentes nas feiras internacionais do libro para mostrar o noso traballo. Neste constante ir e vir foise tecendo unha rede de relacións profesionais -pero tamén afectivas- con empresas e persoas que entenden a LIX dun xeito semellante á nosa: facer libros de calidade para os que hoxe son nenos e que serán os cidadáns do mañá. Entre todos estamos a construír a memoria do futuro. Quizais ese intento por proxectar a nosa vista cara a ese futuro sexa o que nos permite que o noso discurso -convertido en catálogo- sexa coherente e teña unha boa aceptación no ámbito da LIX a nivel internacional.

-O premio internacional “Compostela” para álbums ilustrados descubriu magníficos ilustradores e creadores. Era este o seu obxectivo inicial?
-O obxectivo inicial era, e segue sendo, poder amosar aos escolares de Santiago e ás súas familias -no marco da Campaña de Animación á Lectura que organizamos xunto ao Departamento de Educación do Concello da cidade- creacións meritorias no ámbito do álbum ilustrado. Pero somos conscientes de que este obxectivo foi máis alá e actualmente o Premio Compostela figura na listaxe dos certames profesionais máis apetecibles para autores e ilustradores a nivel internacional.

– En que medida afecta o contexto económico regresivo no proxecto editorial?
-As familias están a ver como se reduce o seu poder adquisitivo, as librarías independentes teñen que facer enormes sacrificios para manterse abertas, as grandes cadeas reséntense, as bibliotecas non teñen orzamento para realizar compras… Todos estes factores que se resumen nunha evidente falta de recursos económicos e certo grao de”pesimismo social” fan que sexa moi complicado manter intacto un plan editorial.

-Que proxectos alberga para o futuro máis inmediato?
-Precisamente pola situación actual formulámonos publicar soamente  títulos que, segundo o noso criterio, acheguen valor dende o punto de vista  literario e estético. Este segue sendo o noso proxecto neste tempo de incerteza: manter vivo o noso catálogo e incorporar o que consideremos esencial.

Esta entrevista, baixo o título de “Xosé Ballesteros y los ciudadanos del mañana” apareceu no número 183 da revista Qué leer, na sección «Letras galegas». Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.