Manuscrito: Antón Riveiro Coello

Gardo excelentes recordos da prosa de Antón Riveiro Coello, en especial do seu último e galardoado Laura no deserto, mais tamén do resto da súa obra narrativa que me acompañou en moitas singraduras, se cadra desde que o autor limiao comezou a dar os seus primeiros pasos. Hoxe visita esta sección un manuscrito da súa autoría que, ademais, pertence xustamente á devandita proposta narrativa: unha mostra en primeiro lugar do que, logo dun acordo co editor de Laura no deserto, tivo que quedar “necesariamente” fóra da edición do libro, xunto con máis dun cento de páxinas (todo iso na parte inferior), a carón dunha fotografía que recolle diversos cadernos manuscritos do autor (na parte superior).

      Para Riveiro Coello, malia que o groso da súa escrita estea redactado en ordenador,  <<os cadernos sempre andan canda min para apañar anécdotas, historias, esquemas, proxectos ou datos que despois se concretan nun relato ou nunha novela. Tamén é certo que ultimamente estou volvendo máis aos cadernos por unha sorte de visión romántica do oficio. De feito moitas páxinas da novela que estou a escribir coido que teñen no caderno un formato moito máis lento e reflexivo>>.

     Un grolo, pois, como diría Xesús Constela,  por ese retorno aos cadernos manuscritos, e a miña gratitude pola súa xenerosa colaboración para esta sección.