Manuscrito: Ramón Loureiro

O 23 de xaneiro de 2011 o xornalista e escritor de Sillobre (Fene)  Ramón Loureiro, de quen non hai moito me refería ao seu Donde Europa comienza e que para min quedará  na memoria polo seu As galeras de Normandía,  subscribía unha columna na sección “Dende Escandoi” de La Voz de Galicia que titulaba ´Case todo o importante`. O texto, ao meu ver, pertence á estirpe deses exercicios de columnismo atemporais, polos que non pasa o tempo e que se escriben co corazón. Por iso supón unha regalía poder compartir, grazas á súa cortesía, este manuscrito que recolle a totalidade daquel artigo, iluminado por el mesmo. Un texto para ler e reler!

“Case todo o importante”

Levar a túa nena ao colexio, encontrar entre as páxinas dun libro a foto de túa  nai que dabas por perdida, recibir no teléfono móbil unha mensaxe escrita con  letras maiúsculas na que alguén che recorda que en contra do que poida parecer  sempre hai un corazón amigo ao outro lado, comprobar que as pombas volteadoras  do veciño seguen agardando por ti cada mañá para dicirche ola diante da túa casa  aínda que o trigo que lles compraches no último muíño xa se acabase, ver saltar  un esquío entre as ramas das árbores que están en Cabanas ao pé da praia da  Magdalena mentres polos sendeiros cubertos de arume corren os maratonianos, ler  a don Juan Benet no silencio da noite, volver ás películas nas que John Ford  fala da reconciliación sen dividir o mundo entre bos e malos, pasear á beira dos  pequenos ríos que parecen ter sido creados para que só poidan navegalos barcos  de xoguete, cruzarte ao pé do castro de Lobadiz cun lagarto xigante que estuda  para dinosaurio, presenciar a posta do sol desde calquera dos cotos que miran ao Atlántico, camiñar ata a mámoa da que os antigos dicían que resucitará un rei  montado no seu cabalo, soñar que un día atoparás nun cartapacio forrado de coiro  un descoñecido gravado de Durero no que hai cisnes voando e, por suposto,  escribirlles tamén hoxe aquí, co aroma quente do café envolvendo o papel e a  tinta do domingo, aos que máis queres.