Descubrín hoxe en Vigo, paseando coa miña filla, unha campaña publicitaria que, particularmente, moito me gustou. Ideada en forma de carteis e albergada nun bo número de mupis das rúas viguesas, céntrase na publicitación do 150 aniversario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro que, como se sabe, viu a luz no prelo de Juan Compañel en Vigo.
Estas campañas sinxelas, apoiadas por diversas entidades, fan chegar a moitas persoas unha iniciativa plausible e achegan á rúa mensaxes que teñen que ver coa literatura e coa nosa identidade. Persoalmente cousas así fan que me sinta moi orgulloso de vivir nesta cidade.