Manuscrito: María López Sández

Hai pouco ocupábame d´A forma das nubes de María López Sández, unha das propostas narrativas máis salientables, ao meu xuízo, que viron a luz neste pasado ano 2012 e, neste sentido,  agrádame traer hoxe aquí, grazas á cortesía da autora,  dúas mostras manuscritas da súa autoría.

       María López confesa que  sempre se acompaña dun caderniño pequeno e manexable para apreixar por escrito as ideas cando estas a asaltan. Ao tempo comparte unhas reflexións sobre “dous réximes de escritura” que, particularmente,  considero moi interesantes: “un máis racional e reflexivo, que require concentración e tempo de traballo, que é o máis ligado á escrita ensaística e tamén a certo tipo de narración, e outro moito máis impulsivo e, por así dicir, ligado á inspiración. Para este modo de escrita considero moi importante o momento, tende a non aceptar que a idea se deixe para máis tarde, porque despois pérdese a emoción e a frescura e o que se escribe non acaba de resultar satisfactorio”; ben claro é que A forma das nubes pertencería ás claras a este réxime de escritura, mentres que Paisaxe e nación se inscribiría no primeiro. Abaixo, pois, dúas mostras manuscritas que logo se converterían en parte da súa novela.