Zeralda e o dragón (ilustracións de Fran Jaraba)
Galaxia, Vigo, 2012, 52 páxinas, 7,90 €
Descoñecía ata onte este Zeralda e o dragón, acaído para un lectorado a partir dos oito anos, pero ben solvente para calquera idade. Nel, Fernández Paz, man a man co traballo plástico de Fran Jaraba, constrúe unha proposta que se inspira no universo dos relatos de xinea clásica, abeirado á temática do marabilloso (velaquí un dragón que arrepía ás xentes dun territorio, diante do que Zeralda, a princesa de Moebia, actúa con afouteza para restituír a xustiza e a paz, mentres que o dragón, mercé á axuda dun bruxo chamado Ogomei, vai converterse nun mozo que pretende enganala) e sempre fiel ao modelo arriba amentado como se espella na estrutura e nas fórmulas narrativas adoptadas.
A carón de trazos moi comúns e sempre gorentosos da narrativa de Fernández Paz -axilidade narrativa, creación dun universo no que a complicidade se gaña desde a primeira páxina, referencias a libros ou obxectos máxicos, como o denominado “Anel de luz”-, o anovador, talvez, xire neste caso arredor do tratamento que recibe a figura da heroína, caracterizada como “valente e de recursos inesgotables”: unha muller enxeñosa, en absoluto pasiva e que asume os retos de liberar á comunidade da que se sente parte sendo quen, ademais, de recompoñer a súa vida logo de ser traizoada, algo pouco común nos relatos marabillosos de xinea tradicional. Un texto, pois, pouco ortodoxo, subversivo en canto a asignación de roles e valioso polas innovacións e a dedicida ruptura con estereotipos que proxecta. Parabéns!