O humor en cadriños e O humor galego alén da retranca, de Félix Caballero

Félix Caballero

O humor en cadriños. Conversas con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro

Morgante Edicións, Cangas do Morrazo, 144 páxinas,  15 €

 

O humor galego alén da retranca

Morgante Edicións, Cangas do Morrazo, 174 páxinas,  15 €

 

Talvez non sexa unha mala idea comezar o ano, e tamén o literario, da man do humor de noso. Isto é o que posibilita senllas publicacións que veñen da man do xornalista Félix Caballero e que publica o selo cangués  Morgante Edicións.

O HUMOR EN CADRIÑOS
Dúas son as teses das que parte o autor deste libro de conversas, tal e como se recolle do limiar da publicación: “Galicia ten unha das tradicións humorísticas máis farturentas da Península” e “non debe ser nada doado facer humor nun país de humoristas por natureza, facer humor para un lector que, mesmo sen o saber, é tamén humorista”. Desde estas instancias realízase un documentado percorrido polas pegadas humorísticas na literatura e na expresión plástica, chamando a atención arredor da relevancia que gozou a publicación do chamado “Manifesto en defensa do humor” subscrito por Siro e Xaquín Marín hai trinta anos, para logo abordar sobre todo os fitos que orbitan arredor o humor gráfico galego no devandito período até hoxe; ámbito no que se emprazan os cinco autores cos que mantén cadansúa conversa: Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e mais Pepe Carreiro, respecto dos que sinala, ao meu ver con acerto, que fan parte “dunha cadea fecunda que vén desde Castelao”, unidos tanto polo seu compromiso coa lingua galega como por certas experiencias comúns.

       Velaí, así pois, a esencia e a importancia deste volume pois, alén de nos achegar á biografía destes cinco autores que se someten a unha ampla batería de cuestións, permite acceder aos esteos que sosteñen o noso humor, reflexiona arredor da censura no humor gráfico ou o rol que este desenvolve nos ámbitos dos medios de comunicación esritos por só citar algúns dos  elementos que aquí chaman a atención. Ao tempo, é inevitable culminar a lectura de cada entrevista cun sorriso na boca pois de todos eles se recolle, a modo de antoloxía, unha mostra significativa dos seus traballos gráficos publicados orixinalmente en diversos medios.

O HUMOR GALEGO ALÉN DA RETRANCA

            Por outro lado, e da man tamén de Félix Caballero, chega outro título abeirado ao ámbito ensaístico, profusamente documentado e exposto nun  rexistro accesible, orientado cara a quen desexe afondar con garantías neste asunto.

      Trátase, así pois, dun libro que pretende responder unha chea de interrogantes como son se o humor constitúe un trazo da psique galega, se somos humoristas por natureza, se o noso humor se diferencia nalgúns aspectos do que exhiben outros pobos, se nos rimos de nós mesmos ou incluso se a retranca é un invento de orientación defensiva…, alén de contribuír, por exemplo, a diferenciar entre os conceptos de  humorismo, comicidade e sátira. Para ese obxectivo recapitula achegas anteriores e incorpora novas reflexións provenientes dunha manchea de persoas que comparten as súas ideas e suxestións cos lectores, alén de suturarse cun completo traballo de interpretación a cargo do autor.

         Saúdo con satisfacción este libro e non dubido en situar esta achega na mellor das tradicións reflexivas sobre o tema, no ronsel do que fixo o propio Castelao, Celestino Fernández de la Vega, Ramón Piñeiro ou Rof Carballo, alén doutras voces máis contemporáneas.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “O humor galego a análise” o 12 de xaneiro de 2013.