Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, Carlos Callón

Carlos Callón

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez

Xerais, Vigo, 2012, 240 páxinas, 12,50 €

Saúdo con satisfacción este último libro de Carlos Callón, Como falar e escribir galego con corrección e fluidez, que xa acadou a súa segunda edición e que acolle unha  nova colección de Xerais,  pois, entre moitas outras razóns, goza dunha virtude moi meritoria e que non resulta doado atopala noutros libros que versan sobre asuntos vinculados co emprego da lingua galega e co  seu melloramento, tanto nos contextos orais coma escritos, e esa é o verniz que o autor soubo aplicar aos máis dos seus capítulos exhibindo un ton directo, irónico e retranqueiro ás veces, acudindo aos exemplos ou ás anécdotas para ilustrar situacións ou usos co que desposúe, enxeñosa e atinadamente, á temática que aborda desa auréola académica que en tantas ocasións dominan estes ensaios e que os converten sen querelo en algo críptico ou dificultoso para usuarios e usuarias.

    Velaí, así pois, fundamentalmente un libro práctico, con momentos  divertidos  que son tan útiles, asemade, para desbloquear prexuízos ou estereotipos que se xeran desde a ignorancia nalgúns casos ou desde instancias máis preocupantes  noutros, cun obxectivo evidente desde o título como é o de apostar sinxelamente  pola mellora da calidade lingüística en todos os seus usos, especialmente no que se refire ao léxico, á morfosintaxe, á fonética ou  á restauración de solucións fraseolóxicas propias, aspectos estes últimos que se perderán irremediablemente de non pular pola súa restitución.

     Para acadar ese obxectivo, entre outros, chega este libro de Carlos Callón: didactismo na súa xusta medida e amenidade expositiva de mans dadas co rigor científico que se precisa para coidar e mimar, sempre,  o noso idioma. Moi recomendable.