Chega hoxe a esta sección Santiago Jaureguizar, que comparte con quen se achegue aquí unha mostra particular do exercicio de corrección e emendas a man que realiza diante da versión provisional dunha novela de case inmediata publicación pertencente á serie “Tintimán”. Nesta ocasión o espazo no que se desenvolverá a intriga será a cidade de Vigo e titularase Amor de serea. Un misterio para Tintimán en Vigo, cos mesmos personaxes de Corazón de chocolate e A coroa de Napoleón.
Reproduzo abaixo unhas breves reflexións que o autor me fixo chegar arredor dos seus hábitos de escritura: “As miñas rutinas de escrita son homologables ás de calquera outra actividade. Escribo decotío, a maiores do xornalismo, literatura. Empezo sempre na mañanciña escura despois de prender o Spotify. Debe ser música clásica, jazz ou neofolk en inglés ou noutra lingua que non domine para evitar distraerme. Á dereita teño sempre unha taza de Kukuxumuxu chea de café negro e quente coa lenda ‘Athletic, beti zurekin’ (‘Athletic, sempre contigo’). Ese rezo axúdame a ter fe na literatura deste país a pesares dos resultados no campo de xogo”.
Grazas pola colaboración e moita sorte coa próxima novela!