Migrar, de José Manuel Mateo e Javier Martínez Pedro

José Manuel Mateo e Javier Martínez Pedro

Migrar

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 2012, 12 páxinas, 22 €

 

Migrar vén sendo deixar  o lugar de orixe e pasar a se establecer noutro, ás máis das veces por razóns de traballo, léase en ocasións por motivos de supervivencia. Deste asunto é do que fala, xustamente, Migrar: un libro tan especial desde o punto de vista estético como nunca vin ao se dispoñer, mercé unha encadernación especial, ao longo das súas doce páxinas como unha sorte de cartel ilustrado, inspirado na técnica artesanal do papel amate,  que permite admirar integramente o minucioso traballo artístico marcado por un detallismo impresionante e alicerzado na iconografía mexicana, mais disposto -con todo-  de tal xeito que non imposibilita unha lectura secuenciada do texto.

     O libro, que aínda non se dixo, suscríbeno  José Manuel Mateo e o ilustrador Javier Martínez Prado e foi orixinalmente editado pola mexicana Ediciones Tecolote. Chega, asemade, avalado por algúns recoñecementos pois foi merecente de dous galardóns hai poucas datas como foron o “Novos Horizontes”, da Feira do Libro Infantil de Bolonia, e mais o “Premio Antonio García Cubas” da Feira do Libro de Antropoloxía e Historia de México. Así e todo, teño para min que isto, malia resultar significativo, é secundario pois, alén de rechamante do seu formato e de se achegar puntualmente a un feito concreto como é o da emigración de México a Estados Unidos o seu mérito, ou un deles, radica no feito de proxectar con efectividade, diacrónica e sincronicamente, unha mensaxe chea de compromiso e solidariedade a través dunha ollada infantil, posuída como é natural pola tenrura e a inocencia mais non exenta de que esta vaia desprendendo de seu unha sucesión de golpes dirixidos á propia conciencia, a calquera conciencia.

 

 

 

2 Comments

Os comentarios están pechados.