Manuscrito: Alfonso Álvarez Cáccamo

Pasaba por este caderno Alfonso Álvarez Cáccamo hai algúns meses por mor da publicación da súa última novela –O destino de Claroescura Lens– e, algo antes, cando saudaba un novo e orixinal blogue que botara a andar baixo o título de Pensamentos de Ofafson Mokk. ao que parece ultimamente inactivo pois Mokk, atrévome cunha esperanzada interpretación do seu retraso, non retornou aínda da súa viaxe a Gurzonia por atopar alí cousas interesantes que facer.

     Mais enriquece hoxe Alfonso Álvarez Cáccamo esta sección de manuscritos co fragmento dunha carta -na realidade tan só uns parágrafos dunha misiva máis longa-  que, a comezos do ano pasado, lle enviou ao director do Faro de Vigo cando decidiu non seguir colaborando naquel xornal, tal e como o escritor vigués sinalaba  “por mor da súa política de desprezo á lingua galega” pois “a miña conciencia impídeme participar no desmantelamento do noso idioma”. A explicación da súa decisión incorpórase, loxicamente, no fragmento que abaixo se reproduce. Grazas a Alfonso pola súa colaboración.