Celso Emilio Ferreiro
Fundación Luís Tilve, Compostela, 2012, 82 páxinas, 9,50 €
Coa colaboración da Fundación Celso Emilio Ferreiro e mais a UXT Ourense, a Fundación Luís Tilve puxo en circulación, o pasado mes de decembro unha nova achega nucleada arredor da figura e mais da obra de Celso Emilio Ferreiro.
Deste xeito, alén das presentacións que veñen da man das organizacións que patrocinan o libro, son as palabras de Luís Ferreiro as que guían o lector a través das claves biográficas máis salientables do seu pai para logo engadirse dous testemuños como son os do ex Presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, e mais o de Jaime Barreiro, quen desvelan, en clave persoal, as evocacións que a figura de Celso Emilio Ferreiro lles suscita, atendendo en especial áactividade política que o poeta de Celanova desenvolveu nos seus derradeiros anos.
A parte inicial desta entrega enriquécese, asemade, cun abondoso aparato gráfico –fotografías, algunhas delas moi pouco coñecidas, e outros documentos-, ao que se engade unha antoloxía, abondosa e ben representativa, de composicións poéticas de Celso Emilio que se poderían denominar de combate, recollidas ben en manuscritos inéditos, ben noutros libros xa publicados: unhas e outras dan conta dun corpus estimable de poemas de diferentes datas, marcados sempre polo compromiso coas liberdades democráticas e con Galicia que neles exhibe.
Unha sección titulada “anexos” pon o ramo a volume, ofrecendo un conxunto de documentos de diferente carácter –retallos xornalísticos de diferentes épocas, fotografías e outro material-, operativo para resctar algúns dos momentos claves da biografía do autor, antes e despois do seu falecemento.
Unha achega máis ao estimable corpus de publicacións que viron a luz o ano pasado por mor do centenario de Celso Emilio Ferreiro e que contribúe, con efectividade, á difusión da súa figura e do seu legado.