Verdedades, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás

Yolanda Castaño

Verdedades (ilustracións de Xosé Tomás)

Biblos, Cesuras, 2012, 50 páxinas, 15 €

 

Chego a Verdedades, subscrito por Yolanda Castaño e Xosé Tomás, e tal e como sospeitaba a harmonía entre o traballo literario e artístico que Biblos posibilita deita uns resultados espléndidos.

    Un poema de Yolanda Castaño, cando case se conclúe a lectura, di: “Acompáñannos seguido / cego estás se non o ves  / ten un berce vexetal / ata a páxina que les” e, en efecto, berces vexetais e naturais son os referentes que dominan este álbum ilustrado e resultan operativos para inspirar as abondosas e secuenciadas composicións poéticas da autora, dotadas do ritmo preciso que esixe a poesía para as idades máis temperás e especialmente dirixidas para facilitar un encontro -ou reencontro- cun corpus léxico vinculado con este  universo que, sen dúbida, ofrece extraordinarias posibilidades, didácticamente moi rendibles,  que van máis alá da lectura; e aínda moito máis neste caso ao se conxugar coa intepretación artística, tan atractiva e suxestiva, da man de Xosé Tomás.

   Ambas achegas inspíranse, así pois, en asuntos vinculados con plantas e froitos nun sentido xeral, sen desatender a presenza humana que interacciona con este medio, fundamentalmente simbolizada nunha nena observadora e inqueda e nuns avós que exercen como tales cando no ámbito cotián saben que alenta ao seu carón alguén dominada por unhas irrefreables ganas de aprender vendo, tocando, experimentando e pintando,  sinxelamente,  cun lapis e papel.

     Verdedades supón, ao meu ver, unha proposta artística e literariamente moi interesante. Parabéns aos seus creadores.

1 Comment

Os comentarios están pechados.