Manuscrito: Alberte Momán

Nese espazo no  que medran exponencial e perigosamente as lecturas pendentes repousan dous títulos recentes de Alberte Momán como son a novela curta Vattene e mais Os quilómetros que percorremos dende aquela. Activo membro do incansable colectivo ‘A Porta Verde do Sétimo Andar’ e con responsabilidades editoriais no proxecto O figurante edicións  chega arestora a esta sección cunha mostra dos seus manuscritos.

    Poeta e narrador desde hai ben de anos, Momán exhibe unha particular querenza por este formato pois escribe sempre a man e, segundo confesa, moi intensamente, malia que “só unha pequena parte  sae publicado nalgures porque nin eu mesmo sei se será de interese para os/as lestores/as”.

      Autor tamén de Ferrol e o que queda por chover, contempla este manuscrito que comparte aquí como “un ensaio para unha obra que aínda está por escribir, e que descoñezo se serei quen de escribila algún día”. Eu fago votos para que así sexa e se transforme, axiña,  en letra impresa.