Dolores Redondo: “Cunha avoa galega a sorte estaba botada” (entrevista)

Ao fío da recensión sobre O gardián invisible,  o suplemento Culturas de La Voz de Galicia acolleu, o 19 de xaneiro de 2013 e baixo o título de “Cunha avoa galega a sorte estaba botada”,  a transcrición deste diálogo que mantiven con Dolores Redondo Meira arredor do seu libro e das súas raíces galegas.

Filla de pai galego e de nai de ascendencia galega, con familia en Poio,  Corme e Ourense entre outros lugares, Dolores Redondo Meira (Donostia, 1969), radicouse en Navarra onde se dedica á creación literaria. Diante deste lanzamento internacional manifesta unha especial satisfacción por ver esta novela editada en lingua galega.

 -Que á súa novela, entre outros idiomas, se poida acceder en todas as linguas estatais, como o contempla?

 -Quizais uns dos fundamentos principais da novela é o regreso ás raíces da protagonista, que iso se vexa reflectido tamén na opción de que cadaquén poida ler na súa lingua é un matiz que o reforza.

 -De onde provén a súa querenza polo xénero da novela negra ou policial?

-Ía dicir que polos meus gustos literarios, pero creo que é unha cuestión de carácter, e de mentalidade, non me vexo escribindo novela romática ou de aventura; supoño que teño unha mente “criminal”.

-No seu caso asimila elementos que teñen que ver coa antropoloxía e a cultura popular, con que intención?

-Créame se lle digo que non foi intencionado, é fácil tirar de elementos que forman parte da túa propia raíz e da túa cultura. Resultaríame moito máis difícil escribir sobre aspectos que me resultan afastados ou nos que non creo.

      Por outra banda quixen rescatar algunhas destas crenzas que nun tempo foron tan comúns para os nosos devanceiros que, como sinalaba o antropólogo José Miguel Barandiaran, “máis xente acreditaba na existencia das bruxas que na Santísima Trindade” e que de súpeto pasaron a se considerar como algo propio de pailáns e crédulos e que por sorte agora comeza a se recuperar, como o que son: algo que forma parte da nosa cultura e da nosa raíz e que non debe resultar tan sorprendente tendo en conta que nos últimos tempos a través da literatura nos chegaron todo tipo de criaturas e seres propios das lendas nórdicas, húngaras ou centroeuropeas e aceptámolas sen problemas. É só que eu tiña claro que non ía escribir sobre “vampiros” tendo na nosa cultura elementos infinitamente máis interesantes.

 –Talvez no seu contorno familiar estes asuntos podían constituír algo familiar para vostede…

-Cunha avoa galega que me contou na miña infancia as historias máis arrepiantes e máxicas e que estaba orgullosa de crer en meigas e mais unha nena de vizosa imaxinación, a sorte estaba botada.

-A inspectora Salazar encarna dificultades profesionais por ser unha muller, mais tamén carga coas do seu contorno familiar…, ¿ue pesa máis no seu perfil?

-Os ciúmes profesionais cos que se atopa a inspectora Salazar non son exclusivos para as mulleres nin penso que veñan motivados tan só polo feito de ser muller, tanto como por ser independente. Ter puntos de vista distintos e se atrever a dicilo en voz alta ten premio e está penalizado ao mesmo tempo. O aspecto familiar si que é importante nesta novela na que quixen retratar o matriarcado típico do norte no que as mulleres da familia, as mozas e as anciás, levan o peso da unión e compórtanse como un pequeno e poderoso clan, sen dúbida marcadas polo costume que ao longo dos séculos as mantivo á fronte da casa, mentres os homes ían á guerra, facían as Américas ou reclamaban as honras.