Patente de corso, de Rafa Vilar

Rafa Vilar

Patente de corso (ilustracións de Gemma Capdevila)

Edicións Embora, Ferrol, 2012, 30 páxinas, 10 €

 

Hai xa algún tempo que chegou ao meu poder este libro editado por Edicións Embora e que subscriben Rafa Vilar e mais a ilustradora Gemma Capdevila e non quero deixar pasar máis tempo sen me referir a el pois, sen dúbida, atesoura méritos para salientalo dentro do ámbito das publicacións dos álbums infantís.

     Galardoado co Premio Arume de Poesía en 2011, premio que organiza anualmente a Fundación Xosé Neira Vilas, o texto de Rafa Vilar resultou moi do meu gusto, basicamente, pola intención que repousa no seu discurso ao subverter a tonalidade habitual nos textos que recrean o mundo da pirataría, isto é, afonda na virtualidade dun comportamento rexido pola inxenuidade e mais o despiste nos seus protagonistas, cheos de dúbidas e incertezas,  propondo un xogo activo e sorprendente con quen se achegue a el, sen esquecer a relevancia que lle outorga ao rexistro lingüístico, fundamentalmente espellado no léxico que ordena cada unha das composicións poéticas, onde ademais non faltan abondosas chiscadelas dirixidas a un lectorado adulto.

     A lectura da ilustradora, Gemma Capdevila, antóllaseme ademais fresca, sinxela e efectiva, transmitindo a idea nuclear do libro con estilo propio. Parabéns, sen dúbida, por esta achega.