Man, o alemán de Camelle, por Beatriz Maceda Abeleira

 

Beatriz Maceda Abeleira

Man, o alemán de Camelle (ilustracións de Laura Veleiro)

Edicións Galebook, A Coruña, 2012, 30 páxinas, 15,6 €

 

 

Man, o alemán de Camelle, nucleou algúns libros meritorios nos últimos tempos mais, que eu saiba, ningún adaptado para un público infantil ou xuvenil que, porén, tamén resulta operativo e satisfactorio para un lectorado adulto.

      Refírome, xa que logo, ao primeiro libro de Beatriz Maceda Abeleira que, titulado Man, o alemán de Camelle, se fai acompañar dunhas suxestivas e acaídas ilustracións a cargo de Laura Veleiro.

      Iniciado cunha fermosa cita de Stefan Zweig -“os libros só se escriben, por enriba do propio alento, para unir os seres humanos, e así defendernos fronte ao inexorable reverso de toda existencia: a fugacidade e o esquecemento”- este álbum ilustrado formula un percorrido pola biografía de Manfred Gnädinger, exposta nunha clave confesional e inspirada na devoción confesa pola súa figura, que se contempla como a dun personaxe heroico, cheo de conviccións polas que loitou con afouteza e polas que tivo que enfrontarse con numerosas vicisitudes. Del trázanse, con agarimo e completa documentación, os elementos biográficos, artísticos e mesmo persoais máis salientables, sen esquecer para quen se escribe, isto é, para persoas que talvez, nunha primeira instancia, descoñecen todo, ou case todo, arredor de Man. Para isto adopta unha perspectiva indiscutiblemente didáctica -non resulta doado interpretar e explicar as claves do seu traballo artístico e creo que aquí se fai con excelencia-, mais conxugada ao tempo coa emoción que rexen algunhas pasaxes e de mans dadas co espírito de denuncia e reivindicación respecto do desleixo no que se mantén, hoxe por hoxe, o seu legado.

   Por todas estas razóns teño para min que este libro consegue interesar e cubrir as expectativas do que un agarda cando se enfronta cun volume destas características. Os meus parabéns.