Manuscrito: Xavier Alcalá

Ocupeime en varias ocasións algunha obra de Xavier Alcalá nesta bitácora, sendo a última a súa novela Verde oliva. Hoxe pasa por esta sección de “Manuscritos” con dúas páxinas de Voltar. Seis personaxes e un fado, co que iniciaría a súa carreira literaria aló polo ano  1972; tempo despois reeditaríase en Galaxia baixo o título de Voltar e, en  1992, gozaría doutra edición naquela histórica colección que viu a luz canda o Diario 16 de Galicia.

         Cría preciso dar conta o antes posible tanto das pezas manuscritas como das reflexións que Alcalá me fixo chegar sobre os hábitos de escritura pois fixen referencia a elas -sen reparar que aínda non as publicara- nunha recente reportaxe que viu a luz en Sermos Galiza, da que xa dei conta aquí.

    Son moi valiosos os comentarios que Alcalá comparte sobre a evolución destes hábitos experimentados e constatados no seu traballo como creador. Repróduzoos en primeira instancia co meu agradecemento pola súa colaboración.

<<Os meus hábitos de escritura fóronse modificando co paso dos anos. Comecei  escribindo a man e pasando á máquina mecánica os orixinais (que corrixía a man e colándolles anacos de mecanoscrito). Pasei despois ao mesmo, mais con máquina  electromecánica.

        O grande salto veu no ano 1976, cando comecei a usar programas “editores”, como se chamaban daquela, nun ordenador grande, de oficina. Iso supuxo un inmenso alivio canto á correccións, pois xa imprimía papel con moitas delas feitas. E sobre o papel (daquela tipo “pixama”) volvía corrixir. O primeiro libro feito así foi Nos pagos de Huinca Loo.

       O seguinte salto deuse cos ordenadores persoais e a posibilidade de entregar á editorial o escrito nun disquete. Neses tempos xa escribía eu todo no teclado do ordenador, sen que apenas fixese notas de guión a man. Continuei revisando textos en papel impreso durante moitos anos, mentres os ordenadores persoais encollían de tamaño e aumentaban en prestacións.

       A partir de 1995 entramos na era da arañeira universal conectada por medio da intrarrede global. Iso marcou outro fito para min, pois non só me permitía unha relación fluída cos editores “just in time” senón, tamén, coas fontes de información para a investigación sobre o que estaba a escribir. O primeiro libro que escribín así foi Alén da desventura.

         Desde aquela ata hoxe fun diminuíndo o escrito a man (apenas notas sobre a pantalla táctil dalgún trebello) e procesando todo en ordenadores de diferente tamaño físico. O último que fixen -e que dá unha idea do estado da técnica para a xeración de textos- foi corrixir a versión en formato ePub de Argentina, o libro de reportaxes. Lin a versión dixital nun iPad, anotei nel as correccións e as modificacións e, a seguir, useino como caderno de notas para introducir as mudanzas tecleando nun ordenador (o teclado táctil do iPad é moi incómodo: nada coma os teclados físicos de boa calidade)>>.

1 Comment

Os comentarios están pechados.