Manuscrito: Ledicia Costas

De actualidade pola recente publicación do seu recente Corazón de Xúpiter e polo recoñecemento do poemario Xardín de inverno obtido en Fervenzas literarias, pasa hoxe Ledicia Costas por esta bitácora xustamente cun manuscrito pertencente ao devandito poemario polo que lle expreso a miña gratitude.

       Particularmente, tal e como explica, as dinámicas no que se refiren aos soportes que recollen a súa produción difiren en canto ao xénero: poesía sempre a man e prosa directamente no ordenador:  “Teño varios cadernos cheos de primeiras versións de poemas, borranchos e debuxos circulares que reproduzo de xeito obsesivo desde que teño uso de razón. Pura desorde. Supoño que eu, na miña esencia, tamén son bastante desordenada. A poesía escríboa toda a man. É coma se os versos necesitasen dese caos que son os meus cadernos para ir collendo sentido. O poemario Xardín de inverno escribino así, en varios cadernos (algúns deles coas pastas rotas de tantas idas e voltas), cheos de tachadelas e pésimos debuxos.

        Non sucede así coa narrativa. Nese caso, a desorde só é mental. Vou armando a trama na cabeza a medida que escribo a ordenador, nun documento aséptico. Nin sequera anoto ideas nunha folla. Tan só estamos o documento en branco e mais eu. Durante o proceso de creación de O corazón de Xúpiter (Xerais 2012), tratei de utilizar un caderno. Desistín, cando caín na conta de que o único que facía era encher follas con pequenas estrelas e planetas, sen avanzar na historia.”

1 Comment

Os comentarios están pechados.