Cristal escuro, de Branca Novoneyra

Branca Novoneyra

Cristal escuro

Librería Follas Novas / Follas Novas Edicións, Libros da Frouma, nº 67, Compostela, 96 páxinas, 11 €

 

Entro nas páxinas deste segundo libro poético de Branca Novoneyra e fágoo, non sei ben as razóns, con recollemento e dispondo ben os sentidos para rastrexar os ecos das palabras que aquí se encerran. A actitude, talvez, é a máis acaída porque Cristal escuro constitúe un poemario suxestivo, rexido pola condensación, non sei se ideado para meditar pero a reflexión que suscita creo que é inevitable, de mans dadas cos conceptos de movemento e de viaxe ao que axudan magníficos compañeiros de viaxe como son Anxo Pastor, responsable das ilustracións, e Begoña Veiga, quen subscribe elocuentes fotografías.

      En ocasións, non sempre, penso que o recensionista debía limitarse a dar conta da aparición dun libro e gardar silencio. Esta sería unha delas pois non é doado expresar algo novo, minimamente orixinal, tras ler os parágrafos limiares que prologan o poemario e que veñen da man de Ana Gorría quen, baixo o título de “Danza de catástrofes. Xestos, voz e corpo no prisma de Cristal escuro”, sistematiza e suxire, con acerto e profundidade, os camiños que percorre Branca Novoneyra neste libro. Por se isto fose pouco o libro conta cunha coda, subscrita por Luís Cochón, tan suxestiva e esteticamente conseguida que afortala e argumenta con convicción a aseveración anterior, sobre todo cando o profeosr sinala que este volume cómpre entendelo “na escuridade, no labirinto, nos limos mellores da gran poesía europea”.

      En efecto, Branca Novoneyra asume, recrea e explora unha estética que configura unha voz emprazada no mellor das tradicións poéticas, onde se manexa exemplarmente nos gumes das imaxes visionarias, facéndoo con efectividade, até onde o camiño da esencialización, a condensación expresiva e o  eido da suxestión, mesmo sensorial, permiten.

     Tensionando, até o posible, todos os ángulos semánticos da palabra, Cristal escuro é un libro trascendente e domeado polo simbolismo (o deserto, o broche, o sal..), no que se nos fala  de viaxes e percorridos, de encontros e afastamentos, de instantáneas, da música e a procura de luz, da soidade e o movemento, do amor e da experiencia, da natureza e do que vulnera e se vulnera, do desexo e a realidade…, un libro que suxire os camiños que nos poden levar a descifrar o cantos dun paxaro ou a esculcar abismos  en territorios fronteirizos, de toda caste, tamén os emotivos. E todo isto non é pouco.

2 Comments

  1. Abráiame a forza, a creatividade e a visión desta muller. Creo que forma parte da gran transformación que necesita a nosa mentalidade para nos desenvolvermos como colectivo con algo que dicir.
    A miña aperta

Os comentarios están pechados.